Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para o obradoiro de lingua e cultura

Domingo, 13 de febreiro de 2011

[13-02-2011] Ponse en marcha un ano máis o obradoiro de lingua e cultura. Os asistentes a esta actividade poderán coñecer, do 2 de marzo ao 4 de abril, as nocións básicas da escrita e da fala en lingua galega, así como tamén a nosa cultura e costumes. Tamén coñecerán máis en profundidade a historia do noso concello e aprenderán o básico do funcionamento da Internet. O prazo de inscrición para este obradoiro estará aberto entre o 14 e o día 25 de febreiro. Esta actividade está dirixida a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que residan en Ames, así como aos emigrantes retornados. Os interesados poderán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística e no Servizo de Atención ao Migrante.

A lingua é un elemento fundamental para integrarse nunha sociedade e o seu coñecemento é imprescindible para desenvolver con normalidade a vida cotiá. O concello de Ames destaca polo seu dinamismo cultural, xa que cada vez son máis as persoas procedentes de fóra de Galicia que se instalan no noso municipio. Iso provoca unha inteculturalidade que nos enriquece a todos. O obradoiro de lingua e cultura está dirixido a todas esas persoas de fóra de Galicia, para que coñezan un pouco mellor a nosa lingua e os nosos costumes e lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade. Así mesmo tamén poderán asistir ao obradoiro os emigrantes retornados e calquera persoa que simplemente estea interesada pola nosa cultura e historia.

Coñecer as nocións básicas da escrita e da fala en lingua galega, a historia, a xeografía e as costumes de Galicia e en concreto do concello de Ames, así como adquirir unha visión global do cine, do teatro, da literatura e dos medios de comunicación galegos serán algunhas das actividades que os asistentes poderán realizar neste obradoiro. Ademais, tamén recibirán información máis polo miúdo do SAMI (Servizo de Atención ao Migrante) e realizarán actividades cotiás, sempre en galego. Por último tamén asistirán á representación da obra de teatro Sempre quixen bailar un tango, de Teatro Galileo.

O obradoiro terá unha duración de 32 horas, repartidas en 16 sesións de 2 horas cada unha. Estas sesión impartiranse ao longo dun mes, dende o 2 de marzo ata o 4 de abril. As clases levaranse a cabo os luns, mércores e xoves, en horario de 20:00 h. ás 22:00 horas, no IES de Ames, situado en Bertamiráns, e no local social do Club de Xubilados e Pensionista do Milladoiro, situado na rúa Figueiras. Para obter o diploma acreditativo de asistencia só se poderá faltar ao 10% das sesións.

Os interesados poderán inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Servizo de Atención ao Migrante (SAMI), Rúa de Abaixo, número 10, O Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto entre o 14 e o 25 de febreiro. Para máis información, poden dirixirse ao teléfono do Servizo de Normalización Lingüística, 981 884 991 ou ao Servizo de Atención ao Migrante, 981 525 349.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames pondrá en marcha en marzo los talleres de lengua y cultura"