Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición para o contacontos “Quen canta Alí?”

Xoves, 07 de novembro de 2019

O conto obradoiro “Quen canta Alí?” chega o próximo xoves 14 de novembro á Casa da Cultura do Milladoiro, en dúas sesións, unha ás 17.00 horas e outras ás 18.00 horas. Destinado a crianzas de entre 0 a 6 anos, o número de prazas é limitado. Para formalizar a inscrición a esta actividade gratuíta  é necesario enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal, rematando o prazo o 13 de novembro.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, a través do programa Apego, ten programado para o próximo xoves 14 de novembro unha sesión de contacontos. “Quen Canta Alí?” desenvolverase en dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro. A primeira delas será as 17.00 horas, e a segunda ás 18.00 horas. Para ambas é necesaria a inscrición, xa que o límite de familias por sesión é 30.

“Quen Canta Alí?” é un conto obradoiro que achegarán a Ames Luís Prego (músico, mestre estudoso do patrimonio musical) e Ruth Caramés de Fabaloba (responsable da creación e do mantemento do portal Alí, recursos en galego para a educación infantil). Está destinado a crianzas de entre 0 a 6 anos. Relata unha nova aventura da nena Alí, desta volta, cunha avoíña moi especial que nos vai abrir os ollos e as orelas para saber quen canta alí. Ademais de pasalo xenial cantando, contando e xogando poderemos coñecer unha chea de ideas, de música, de xogos e de contos para seguir enriquecendo os momentos de lecer coas crianzas.

Para formalizar a reserva, é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando: sesión escollida, nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Ademais, recoméndase que todas as familias que asistan leven unha mantiña para poder sentarse.

O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.

O programa ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Ten como destinatarios a familias empadroadas en Ames que agardan un bebé ou que teñen un neno ou nena de entre 0 a 6 anos. Pode solicitarse unha cita a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse na súa páxina web.  

Cartel Quen Canta Alí?

Multimedia

  • Cartel Quen Canta Alí?