[27-09-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, organizou un curso de iniciación á calceta que se desenvolverá no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, durante sete venres dos meses de outubro e novembro, en horario de 18:30 h a 20:00 horas. Esta actividade é totalmente gratuíta e para inscribise só hai que chamar aos números de teléfono 662 377 544 / 660 004 665 ou enviar un correo electrónico aos enderezos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org. A través desta actividade trátase de reducir o consumo e que a veciñanza amiense poida reciclar a la dunha peza de roupa que non empregan para elaborar outra peza. Este curso está dirixido a persoas de 12 anos en diante.
Durante os meses de outubro e novembro os veciños e veciñas amienses que sexan afeccionados á calceta poderán participar no curso que acaba de organizar o Concello de Ames. A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, decidiu poñer en marcha un obradoiro de iniciación á calceta que está dirixido a todas aquelas persoas que teñan de 12 anos en diante. Este curso desenvolverase no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, os venres 5, 19, 26 de outubro e 9, 16, 23 e 30 de novembro, en horario de 18:30 h a 20:00 horas.
Neste curso impartiranse nocións básicas sobre a arte da calceta. A profesora ensinaralles a todos/as os/as participantes diferentes técnicas de calceta como a montaxe de puntos, os mingüados e aumentos, os calados, etc. Ademais, aprenderán a calcetar empregando varias cores. Ao final do curso os alumnos/as serán capaces de seguir modelos de revistas e páxinas web especializadas en calceta. Todas as persoas que asistan a esta actividade debe levar agullas do número 4 e unha madeixa de la de calquera cor.
Unha vez remate o curso os e as participantes poderán solicitar un espazo no Pazo da Peregrina para seguir acudindo a este lugar e practicar a calceta. Unha vez ao mes a profesora acudira ao Pazo da Peregrina para guiar o alumnado nos traballos que estean elaborando e resolver todas as dúbidas que lles formulen. Preténdese que este curso se desenvolva nun ambiente distendido e que as persoas que non teñan con quen deixar aos seus fillos/as poderán acudir ao curso con eles. Durante os meses de inverno repetirase esta actividade pero no Milladoiro.
Para realizar as inscricións ou ampliar calquera outra información do curso de iniciación á calceta poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 ou a través do correo electrónico medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.




