[17-06-2017] Este venres o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron as instalacións do primeiro parque infantil accesible para nenos e nenas con diversidade funcional que se construíu no Milladoiro. Unha técnica do departamento de Urbanismo e as autoridades municipais recepcionaron estas obras, que foron estreadas polos alumnos/as da escola infantil do Milladoiro, que de xeito casual estaban no entorno de dito parque. Esta zona de xogo está orientada principalmente a nenos e nenas de 2 a 14 anos.
Ames conta co primeiro parque infantil accesible para nenos e nenas con diversidade funcional. Este venres, 16 de xuño, abriuse esta instalación ao público despois de ser recepcionada por parte dos técnicos de urbanismo, así como polo alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. Este parque infantil dispón de varios elementos de xogo, dos cales a maior parte son accesibles para nenos e nenas con discapacidade funcional.
Inicialmente ten un acceso que descorre entre a pista polideportiva e a piscina municipal. Para pasar con facilidade por esta vía de acceso houbo que retranquear os postes do alumeado. Este espazo de xogo dispón de tres zonas diferenciadas cun camiño polo medio do parque, que no futuro preténdese que estea unido cun acceso directo dende a Travesía do Porto. Dende o goberno municipal indican que en breve abrirase o proceso de licitación para sacar a concurso esta obra que permitirá unir a Travesía do Porto con dito parque.
O novo parque infantil está dotado con diferentes elementos que poden usar os nenos e nenas con diversidade funcional, pero tamén se instalaron algúns elementos que non son accesibles, seguindo as indicacións dos técnicos. Instalouse unha zona de multixogo grande, á cal se pode acceder con cadeira de rodas. Tamén dispón de columpios con respaldo, balancíns e un columpio con rede de araña no que poden xogar varios nenos/as ao mesmo tempo. Este parque está orientado principalmente a nenos e nenas de 2 a 14 anos.
Creación dunha zona de ocio e lecer
Ademais, instalouse unha fonte á que se pode acceder en cadeira de rodas e unha zona de aparcamento para cadeiras e demais elementos infantís, que está limitada por un banco de madeira, que ten un deseño singular, e que serve para sentarse e darlle a merenda aos nenos e nenas. Trátase dun parque infantil integrador que permite xogar aos nenos/as con discapacidade funcional e tamén aos outros rapaces e rapazas que non a teñen.
Dende o goberno municipal explican que a idea é ordenar esta área deportiva do Milladoiro co obxectivo de converter este lugar nunha zona de ocio e lecer para todos os veciñas e veciñas do Milladoiro. Ao carón de dito parque estase construíndo un parque biosaudable para os adultos. Deste xeito, quérese crear neste lugar unha gran zona verde que estea aberta á Travesía do Porto, a que poidan acudir nenos/as, pais/nais e aos avós e avoas. A localidade do Milladoiro necesita unha zona de esparexemento que é gran reclamación que fan os seus veciños e veciñas.



Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames estrena el primer parque accesible para los niños con discapacidades"
El Correo Gallego: "Ames abre el primer parque infantil accesible"




