Pestanas principais

Abre o prazo para a renovación de prazas na Escola Municipal de Música de Ames de cara ao curso 2013-2014

Luns, 20 de maio de 2013

[20-05-2013] A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre entre o 20 e o 25 de maio o prazo de renovación de prazas para o curso 2013/2014, para todos aqueles nenos/as que xa estiveron matriculados este ano na escola. Este primeiro prazo de inscrición está orientado, exclusivamente, aos alumnos da Escola para a continuación de estudios. Mentres que todas aquelas persoas que desexen comezar estudios musicais na EMMA deberán realizar a matrícula no mes de xuño. A Escola, que remata as clases o próximo día 21 de xuño, fará como todos os anos a actuación de fin curso, ese mesmo día ás 19:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un aviso sobre a renovación de prazas na Escola Municipal de Música de Ames.

186 alumnos/as matriculados
Durante este curso hai 186 alumnos/as matriculados. Repartidos por especialidades, 33 nenos/as participan na materia de música e movemento; 20 na materia de violín, 10 en saxofón, 12 en percusión-batería, 28 en frauta, 47 en piano, 26 en guitarra, 8 en canto, e 2 alumnos/as en linguaxe musical. A maioría dos alumnos/as matriculados en instrumento, tamén asisten as clases de linguaxe musical, arredor de 100 nenos/as.

Pódense matricular na escola todas as persoas empadroadas en Ames de 4 anos en diante. De 4 a 7 anos poden matricularse nas clases de música e movemento. Estas son clases colectivas de 10-12 alumnos/as. Trátase dunha materia na que se fai unha introdución e achegamento á música. A través do xogo os nenos/as achéganse á música. Empréganse ferramentas básicas para un ensino musical eficaz en anos posteriores. O alumnado está dividido en tres grupos que se establecen sempre atendendo o criterio da idade. Esta materia está dividida a súa vez en tres apartados iniciación á música; audicións; e instrumentos tradicionais. Está impartida en dúas sesións semanais de 60 minutos de duración, nas que unha das sesións se dedica á iniciación a música, mentres que a outra sesión divídese en 30 minutos dedicados a audicións e os outros 30 minutos a instrumentos tradicionais.

Clases de instrumento e linguaxe musical
Para as persoas de 7 anos en diante (sen límite de idade) impártense clases de instrumento e linguaxe musical ou música para adultos. As clases de instrumento son individuais de media hora á semana, e as de linguaxe musical ou música para adultos son clases colectivas ( 10-12 alumnos/as) unha hora á semana. Impártense clases de piano, guitarra, violín, percusión-batería, saxofón, frauta e canto. Ademais destas clases, para os alumnos/as matriculados na escola, hai clases colectivas de coro, combo, orquestra de frautas, agrupacións de violíns. Nas que se pode participar, cando xa se acada un nivel de coñecementos, e baixo o criterio dos profesores. Todas as clases se imparten nas aulas do Centro multiusos de Aldea Nova, polas tardes, a partir das 16:00 horas.

Durante o curso realízanse varias actuacións e concertos en Entroido, fin de curso, no acto literario-musical con motivo da celebración das Letras Galegas, no acendido das luces de Nadal, audicións de guitarras ou piano, etc. As clases do curso 2013-2014 comezarán o 16 de setembro e rematan en xuño, coincidindo co remate do curso escolar. Non haberá clase nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa.

Con motivo do remate do presente curso escolar, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) abre un primeiro prazo de renovación de prazas para o próximo curso 2013/2014, dirixido aos alumnos/as que xa estiveron matriculados na EMMA este curso. O prazo abrangue dende o día 20 ata o 25 de maio. Durante as primeiras semanas de maio os profesores da EMMA xa se encargaron de entregarlle a cada alumno/a un sobre con toda a documentación e impresos para realizar a renovación de prazas. Os pais/nais deberán cubrir as fichas que van no devandito sobre e o impreso de autoliquidación do ingreso da matrícula.

Para facer o pagamento cada un dos alumnos/as disporán dun impreso de autoliquidación personalizado co que terá que ir a entidade bancaria co fin de efectuar o pagamento de forma presencial. Outra opción é realizar o pagamento a través da Oficina Virtual co certificado dixital ou co DNI-e ou para os clientes de NCG banco a través da súa páxina, sen certificado.

Os impresos deberán entregarse debidamente cubertos no rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro ou no rexistro xeral do Concello, situado en Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se poderán presentar o sábado 25 de maio no rexistro xeral do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cómpre lembrar que para poder matricularse na Escola Municipal de Música de Ames é preciso estar empadroado no Concello de Ames.

En caso de cambio dos datos persoais ou perda da documentación, deberán poñerse en contacto coa a oficina de recadación na Rúa do Ameneiral número 18, baixo, situada en Bertamiráns, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou os luns e mércores en horario de tarde, de 16:30 a 18:30horas. Tamén se poden poñer en contacto coa oficina da Escola de Música no Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas, chamando aos números de teléfono 981 883 002-981 535940, extensión 2300.