Pestanas principais

Abre o prazo para realizar a matrícula nos campamentos municipais de verán

Luns, 22 de maio de 2017

[22-05-2017] Este luns, 22 de maio, abre o prazo para formalizar a matrícula nos campamentos municipais de verán. Os pais e nais cos nenos/as admitidos nesta actividade deberán facer efectiva a súa matrícula nos campamentos de verán seleccionados, cubrindo o impreso para tal efecto e axuntando a documentación que se solicita nas bases dos campamentos. Os impresos de matrícula pódense recoller no departamento de Medio Ambiente, na Casa do Concello, e nas Oficinas xerais do Milladoiro, mentres que o modelo de autoliquidación enviaráselle por correo electrónico ás persoas que así o solicitaron e o resto terán que recollelo na oficina de recadación municipal de Bertamiráns, situada na praza Horta de Abaixo, número 6, local 18.

Unha vez finalizado o prazo de preinscrición, publicáronse as listas provisionais e definitivas de admitidos/as. Este luns, 22 de maio, comeza o prazo para formalizar a matrícula nos campamentos de verán. Os pais e nais dos nenos/as e mozos/as que dispoñen de praza terán que cubrir o impreso de matrícula e axuntar a documentación que se solicita nas bases dos campamentos. Os impresos de matrícula pódense recoller no departamento de Medio Ambiente, na Casa do Concello, e nas Oficinas xerais do Milladoiro, mentres que o modelo de autoliquidación enviaráselle por correo electrónico ás persoas que así o solicitaron e o resto terán que recollelo na oficina de recadación municipal de Bertamiráns, situada na praza Horta de Abaixo, número 6, local 18.

Este ano inclúense novos campamentos e ao igual que na edición anterior ofértase un campamento que se desenvolverá a finais do mes de agosto e comezos de setembro. Tamén, por segundo ano consecutivo, se volve a ofertar unha actividade para os rapaces e rapazas de 4º de ESO a 2º de bacharelato. Ademais, para o mes de xullo ofértase unha nova edición do campamento urbano de verán que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza. Deste xeito, este servizo está dirixidos ás etapas de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Campamentos ofertados
Os nenos de 4º e 5º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 28 e 29 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento é de 45 euros e ofértanse 35 prazas. Ademais, os rapaces e rapazas de 6º de educación infantil poden acudir ao campamento Érase unha vez... en Esgos (Ourense). Neste caso ofértanse outras 35 prazas para que os nenos/as pasen os días 26, 27 e 28 de xuño neste campamento que é unha das novidades respecto ao ano anterior. Esta actividade ten un custo de 90 euros.

Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poden acudir á granxa escola Barreiros, situada en Sarria. Neste caso, ofrécese a posibilidade de acudir en unha das dúas quendas ofertadas (do 26 ao 28 de xullo ou do 29 ao 31 de xullo). O custe deste campamento é de 90 euros e ofrécense un total de 80 prazas (40 prazas por quenda).

Para os alumnos de 3º e 4º de educación primaria ofértanse 100 prazas para o campamento Galipark Multiaventura, situado en Extramundi. Este ano vólvese apostar por este campamento que se incluíu por primeira vez na edición anterior. A estancia neste campamento será dende o 4 ata o 7 de xullo e ten un custo de 125 euros. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán pasar dende o día 3 ata o 8 de xullo no campamento do parque de astronomía e aventura en San Xoán de Río (Ourense). Para este campamento, que ten un custo de 170 euros por persoa, ofértanse 50 prazas. Esta é outra das novidades do programa de campamentos desta edición.

Os mozos e mozas que están cursando 1º, 2º e 3º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil Mar do Grove (Fieitas). Este campamento, que tamén se inclúe por primeira vez na oferta deste servizo, desenvolverase do 2 ao 9 de xullo e ten un custo de 220 por persoa. Neste caso ofrécense 30 prazas. Ademais, este ano, entre o 13 e 20 de xullo, ofréceselle ao alumnado de 4º da ESO, así como de 1º e 2º de bacharelato a posibilidade de acudir ao campamento xuvenil Mar de Cangas. Para este campamento hai dispoñibles 40 prazas e ten un custo de 230 euros por persoa.

Campamento Setembro 2017
Outra das principais novidades para este ano é o campamento que se desenvolverá a finais de agosto e comezos de setembro. Os rapaces e rapazas de 6 a 14 anos poderán acudir á granxa escola Kirico, situada en Fornelos de Montes, entre o 29 de agosto e o 3 de setembro. Para este campamento ofértanse 50 prazas e ten un custe de 150 euros. Neste campamento realizaranse diferentes actividades que están orientadas segundo as idades dos participantes, e outras que se farán en conxunto fomentando a convivencia entre rapaces e rapazas de diferentes idades.

Por último, cómpre destacar que un ano máis vólvese a organizar o campamento urbano que se desenvolve nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do 10 ao 21 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, hai 40 prazas dispoñibles e ten un custe de 50 euros. Tódolos campamentos contarán con servizo de autobús.