Pestanas principais

Abre o prazo para presentar propostas ao AMES AV LAB, o laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual en Ames

Xoves, 21 de marzo de 2024

O Concello de Ames abre o prazo para inscribirse no “AMES AV LAB”, un laboratorio pioneiro de aceleración de proxectos audiovisuais destinado a potenciar a produción audiovisual no municipio. A iniciativa, cofinanciada pola Deputación provincial da Coruña, representa un paso significativo cara adiante no desenvolvemento do sector audiovisual local. O período de presentación de solicitudes estará aberto ata o 12 de abril. Premendo nesta ligazón podes obter as bases e mailo impreso de solicitude.

​O Concello de Ames, co apoio da Deputación Provincial da Coruña dentro do Plan de Emprego Local, dá un paso decisivo no impulso da produción audiovisual de Ames coa apertura do prazo de selección de candidaturas ao laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais “AMES AV LAB”.

​Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, hoxe, 21 de marzo, ábrese o prazo de inscrición de proxectos brindando aos interesados a oportunidade de formar parte desta iniciativa e comunidade creativa e empresarial única. O período de presentación de solicitudes estará aberto ata o 12 de abril.

​“AMES AV LAB” esta deseñado coma un laboratorio para acelerar proxectos audiovisuais que ten como obxectivo principal impulsar a produción audiovisual, fomentar o talento emerxente e dinamizar o talento emerxente local e posicionar o sector audiovisual galego como referente no ámbito nacional e internacional. Este laboratorio preséntase como unha oportunidade única para profesionais do sector, cun enfoque na innovación e a competitividade global.

​A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “a través deste laboratorio de aceleración de proxectos trátase de dotar de ferramentas ao talento local. Trátase dun proxecto moi importante no que se fai unha clara aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito”.

​Dirixido a creadores con proxectos sen iniciar, en fase de creación ou desenvolvemento, “AMES AV LAB” ofrece un respaldo fundamental para levar as ideas da concepción á realidade. O laboratorio, apoiado pola Deputación provincial da Coruña, convértese nun catalizador do talento local, proporcionando recursos e apoio experto para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais.

​O Concello de Ames distínguese pola súa alta especialización no sector audiovisual, albergando a empresas líderes no mercado que contribúen ao éxito de Galicia como unha das rexións máis competitivas na produción audiovisual. Entre os factores clave deste éxito local atópanse o acceso a estudos de vangarda, empresas líderes en postprodución e dobraxe, provedores de tecnoloxía dixital e unha excelente infraestrutura de comunicacións preto da capital galega.

​Proceso de selección
​Os destinatarios do programa “AMES AV LAB” son creadores do sector con proxectos sen iniciar, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan unha data de inicio prevista para a rodaxe. Poderá participar calquera persoa física ou xurídica que propoña unha idea empresarial ou que xa iniciaran a súa actividade e teñan unha antigüidade máxima de 42 meses.

Para inscribirse e solicitar formar parte do proxecto, é necesario cumprimentar o formulario de inscrición (ANEXO I) na sede electrónica do Concello de Ames, que se presentará xunto coa documentación solicitada e a través do trámite Instancia Xeral. Este formulario estará accesible ata o peche da convocatoria na sede electrónica.

O proceso de selección levarase a cabo en dúas etapas: preselección e selección. Durante a etapa de preselección, avaliaranse os proxectos presentados para determinar a súa idoneidade en base aos termos e condicións establecidos nas bases. Un máximo de 30 proxectos serán preseleccionados nesta fase, considerando exclusivamente a información proporcionada no formulario de inscrición en liña.

Unha vez preseleccionados, os proxectos serán entrevistados por unha Comisión de Avaliación específica na que participan expertos e empresas do sector e que seleccionarán a un máximo de 15 proxectos para participar no programa “AMES AV LAB”.

Durante oito meses, os 15 proxectos seleccionados terán acceso a unha ampla gama de servizos conformada por un programa formativo de 138 horas de duración cun enfoque práctico e adaptado ás necesidades específicas dos participantes. Ademais, facilitarase a creación e desenvolvemento dos proxectos participantes co apoio de expertos en emprendemento e do sector audiovisual, mediante titorización, mentorización, asesoramento especializado e financiamento.

Os participantes contarán cun espazo de traballo reservado no coworking “Espazo A Proa”. Ademais, o programa ofrece unha bolsa de axudas de ata dez mil euros por proxecto, destinada a sete proxectos seleccionados a través dun proceso de concorrencia competitiva.

Deste xeito, “AMES AV LAB” fortalecerá o polo de talento que conformou o sector audiovisual en Ames, contribuíndo a definir a próxima xeración de líderes do sector español cunha vocación internacional e innovadora.

Abre ata o 12 de abril o prazo para presentar propostas ao AMES AV LAB