[02-03-2015] O Concello de Ames abre o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2015-2016 na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. As preinscricións e renovacións de praza poderán realizarse entre o 1 e o 31 de marzo. Os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org ou de xeito presencial no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na oficina municipal do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as instrucións para os procesos de renovación e preinscrición nos servizos complementarios.
O Concello de Ames abre o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios, que engloban a Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar 2015-2016. A tramitación das preinscricions e da renovación pódese realizar a través dun servizo on line ao cal se pode acceder a través da páxina web www.conciliames.org. Tamén se pode entrar na páxina web municipal www.concellodeames.org e premer no banner Conciliames, que está na cabeceira da web ou na marxe dereita do portal web municipal. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto entre o 1 e o 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.
O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios é o mesmo que se empregou os tres últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas. Unha vez feita a preinscrición haberá que imprimir o impreso de solicitude que se entregará no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro do departamento de Educación (no Pazo da Peregrina) ou na oficina municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os usuarios/as que renoven a súa praza deberán entregar o resgardo acompañado do xustificante de pago de taxas. As persoas que non poidan achegarse ata o Rexistro Municipal pola semana deben saber que o Rexistro Xeral do Concello abre os sábados polas mañás, en horario de 9:00 h a 14:00 horas.
Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Introducindo os datos que se solicitan os veciños/as amiense poderán saber que cota terán que pagar por ser usuarios/as de calquera dos servizos complementarios.
As persoas que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Deberán achegarse ata o departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou ás oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.
Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.
Servizos complementarios
Estes servizos, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da Rede de comedores escolares está dirixido ao alumnado de infantil e primaria e funciona actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro.
Os programas Bos días cole e Tardes divertidas desenvólvese tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.




