Pestanas principais

Abre o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios de educación e conciliación

Sábado, 27 de febreiro de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, abre o prazo para que os usuarios e usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2021-2022, na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. As preinscricións e renovacións de praza poderán realizarse entre o 1 e 31 de marzo. Os/as interesados/as poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web www.conciliames.org

O departamento de Educación do Concello de Ames abre un ano máis o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen que os seus fillos/as sexan usuarios/as destes programas no próximo curso escolar 2021-2022.

Os usuarios e usuarias que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos na actualidade poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

Para dispor de información detallada sobre o proceso de preinscrición e renovación de praza pode premer nas seguintes ligazóns:
-Información sobre o proceso de renovación para o curso 2021-2022.
-Información sobre a preinscrición para o curso 2021-2022.

Como facer as preinscricións e renovacións
A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través da páxina web www.conciliames.org. O prazo para poder facer esta xestión está aberto dende o 1 ao 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.

Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que xerar o arquivo coa solicitude, asinalo dixitalmente e presentalo a través do Rexistro telemático da Sede electrónica. Outra opción é imprimilo en papel, firmalo e presentalo nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames, situadas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns; na Casa do Concello, en Bertamiráns; ou na Oficina municipal do Milladoiro.

Para acudir a calquera destas oficinas hai que dispor de cita previa, chamando aos números de teléfono: 881 074 709, 881 074 710, 881 074 711; ou reservando cita na Sede electrónica do Concello de Ames. Para solicitar a cita no Pazo da Peregrina poderá chamar ademais ao número 981 884 991. Por último, tamén se pode presentar o impreso de solicitude en calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.

Páxina web de Conciliames
O sistema de renovación e preinscrición online para os servizos complementarios de educación e conciliación é o mesmo que se empregou os últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.

Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será de orientación, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación.

Os servizos complementarios de educación e conciliación do Concello de Ames
Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Os servizos complementarios de educación e conciliación (Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas) ofértanse nas instalacións dos cinco centros de educación infantil e primaria públicos de Ames: CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEP de Ventín e EEI do Milladoiro. Ademais, os servizos de Bos Días e Comedor escolar ofértanse tamén na EEI A Igrexa e EEI de Covas.

Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476 ou no enderezo electrónico educacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Plazo abierto para solicitar o renovar el servicio de comedores de Ames"

Comedores.