Pestanas principais

Abre o prazo para participar nos Obradoiros de Sexting e Menstrúa Ames

Xoves, 30 de setembro de 2021

Os mozos e mozas de Ames terán a oportunidade o sábado, 9 de outubro, de participar nos obradoiros “MenstruAmes” de elaboración de compresas de tea e “Sexting, como o fago?” no que se informará sobre o xeito seguro de abordar esta práctica e os riscos que conleva.  Ámbolos dous talleres están dirixidos a mozos e mozas a partir de 16 anos e enmarcanse no  “Programa de sexualidade positiva e saudable [con]sentido” que da resposta á demanda da mocidade amesá nos Orzamentos Participativos do ano 2020. O obradoiro de sexting desenvolverase no Pazo da Peregrina entre as 11:00 e as 13:00 horas e o de elaboración de compresas realizarase no mesmo espazo entre as 16:30 e as 20:30. Os obradoiros son de balde e teñen prazas limitadas. O prazo de inscrición comeza o xoves, 30 de setembro. As persoas interesadas poden anotarse no enderezo electrónico con.sentido@agasex.org. Pódese descargar aquí a ficha de inscrición.

O sexting consiste en enviar mensaxes, fotos ou vídeos de contido erótico e sexual persoal a través do móbil, mediante aplicacións de mensaxería instantánea ou redes sociais, correos electrónicos e calquera tipo de ferramenta de comunicación. No obradoiro de sexting informarase aos mozos e as mozas sobre os riscos que se poden correr con esta práctica e os xeitos de levala a cabo con seguridade. Tamén se falará sobre  a consideración legal deste e outros fenómenos en voga como o grooming, sextorsión, revenge ou porn.

Por outra banda, o obradoiro de educación menstrual MenstruaAmes abordará os mitos e as realidades relacionadas coa menstruación. Ademais ofrecerá a posibilidade de aprender a elaborar compresas de tea.  

 Os mozos e mozas votaron nos Orzamentos Participativos do ano 2020, a necesidade de contar con programas que abordasen a educación sexual en idade temperá. Froito desa votación, a concellaría de Mocidade puxo en marcha “[con]sentido”, un programa de sexualidade positiva e saudable que pretende fomentar a igualdade entre os sexos, cultivar o respecto, a aceptación e a tolerancia cara todas as sexualidades. O programa busca asemade favorecer o autocoñecemento e o coñecemento das demais persoas e promover unha vivencia libre, segura e satisfactoria da sexualidade.

Até o momento, “[con]sentido” desenvolveu xa I edición do concurso de fotografía #SexualizArte 2021 e unha xornada de educación sexual. Clausurarase, o venres 26 de novembro cun videoforum abeirado ao día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Namentres, realizaranse outros obradoiros nos que se abordarán a educación menstrual, a elaboración de compresas de tea, os métodos anticonceptivos, a elaboración dunha vulva-puff e a construción de xoguetería erótica DIY.

Podes consultar aquí o programa completo “[con]sentido” .

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Anotacións nos talleres de sexo e compresas de tea"

cartaz
Descargas: 

Multimedia

  • cartaz