Pestanas principais

Abre o prazo para participar no Enreguéifate 2022-2023

Mércores, 09 de novembro de 2022

Desde este xoves, 10 de novembro, todas as persoas interesadas en participar no certame Enreguéifate poderán facelo, enviando un vídeo regueifando a través da web www.enregueifate.gal. Na mesma páxina poden consultarse xa as bases completas e os requisitos para participar. O prazo de inscrición estará aberto ata o 10 de marzo e, como en edicións anteriores, o certame conta con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios.

En cada categoría haberá un total de seis premios: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada. A entrega de premios terá lugar o 14 de abril de 2023 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto que suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta, e que contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos.

Esta sexta edición do certame inclúe tamén unha serie de accións formativas. Ademais da xornada para o profesorado celebrada o pasado mes de outubro, ata comezos de decembro están a realizarse máis de 60 obradoiros de improvisación oral e regueifa en centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, impulsores desta iniciativa que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega.

No equipo docente hai persoas veteranas na regueifa como son Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e O Rabelo, pero tamén unha nova formada de formadoras e formadores integrada por Nuria das Cruces, Lorena Medela, Cristian de Burela e Xairo de Herbón, que confirman a boa saúde da improvisación oral en galego.

Abre o prazo para participar no Enreguéifate 2022-2023
Descargas: 

Multimedia

  • Abre o prazo para participar no Enreguéifate 2022-2023
  • Embedded thumbnail for