Pestanas principais

Abre o prazo para participar no certame de regueifas Enreguéifate

Luns, 05 de marzo de 2018

[05-03-2018] Desde este luns, 5 de marzo, todas as persoas interesadas en participar no certame de regueifas Enreguéifate poderán facelo, enviando un vídeo regueifando a través da web www.enregueifate.gal antes do 15 de abril. O certame conta con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. A entrega de premios terá lugar o 2 de maio no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta.


Este luns, 5 de marzo, arrinca unha nova edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, no que se poderá participar ata o vindeiro 15 de abril. O certame é unha das iniciativas incluídas dentro do proxecto Enreguéifate, co que se procura que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, ao tempo que se fomenta o uso da lingua galega. O proxecto está impulsado polos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo.

As persoas interesadas en participar no Certame Enreguéifate deberán enviar un vídeo regueifando a través da web www.enregueifate.gal, na que está dispoñible toda a información do proxecto, as bases completas do certame e as pezas gañadoras da anterior edición. O certame ten dúas categorías: unha xeral, na que pode participar calquera persoa, e outra escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. A temática é libre, mais entre outros requisitos debe terse en conta que o vídeo non poderá superar os 3 minutos de duración e que nel deberán saír cando menos dúas persoas regueifando en lingua galega. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.

Festival Regueifesta
A entrega de premios terá lugar o 2 de maio no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta. Esta cita constitúe un punto de encontro de escolares de toda Galicia e doutros lugares coma Euskadi e Cataluña arredor da improvisación oral en verso. A ela acudiron o pasado ano unhas mil persoas e desta volta agárdase dobrar esta cifra.

Formación para o alumando e o profesorado
Para promover a participación no certame desde o ámbito escolar, dentro do proxecto desenvólvense accións formativas dirixidas ao alumnado e ao profesorado. Así, o pasado 23 de febreiro no IES de Ames e o 1 de marzo no IES do Milladoiro tiveron lugar unha serie de obradoiros de regueifas. No primeiro centro, o obradoiro estivo dirixido ao alumnado 2º da ESO mentres que no segundo estivo orientado ao alumando de 1º de Educación Secundaria.

Nos obradoiros, que foron impartidos polos regueifeiros Alba María e Josinho da Teixeira, as mozas e mozos participantes aprenderon métodos e técnicas de improvisación oral de xénero galegos, como é a regueifa. Así mesmo, o pasado 17 de febreiro celebrouse en Carballo a Xornada Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral, á que acudiron máis de 70 persoas relacionadas co mundo da docencia.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abren o prazo do Enreguéifate para Ames, Carballo,Santiago e Teo"
Compostela 24 horas: "Comienza el certamen de regueifas Enreguéifate"
La Voz de Galicia: "Segunda edición del certamen de improvisación Enreguéifate"