Pestanas principais

Abre o prazo para participar nas convocatorias de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais

Venres, 28 de xullo de 2017

[28-07-2017] A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 29 de xuño as convocatorias de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais (exercicio 2017). Hoxe, 28 de xullo, saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 28 de agosto. As solicitudes poden ser presentadas tanto no Rexistro Municipal da Casa do Concello e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, así como nas Oficinas Xerais do Milladoiro. O Rexistro Municipal permanece aberto de luns a venres, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

Para a realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais (exercicio 2017) destínase un total de 40.000 euros. A estas subvencións, poderán optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados. Cumpridas estas condicións, as asociacións poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades de índole cultural desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable.

Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura á veciñanza, a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames e a promoción da participación activa da veciñanza amesá en actividades de índole cultural, que presentan un claro interese público. Por este motivo, non se subvencionarán viaxes que non acrediten o seu carácter eminentemente cultural, a realización de obras ou o pagamento de gastos correntes como facturas telefónicas ou da luz.

Promoción de festas populares
Para a promoción de festas populares durante este 2017, está destinada unha contía de 29.500 euros. A estas achegas económicas poderán optar aquelas asociacións culturais amesás, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Neste caso, poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 50% do presuposto total, aquelas actividades asociadas á celebración de festas populares.

No tocante a esta liña de axudas para a promoción de festas, o que se procura é a existencia dunha programación festiva estable, a participación activa da veciñanza nas festas, a preservación das tradicións existentes nas distintas parroquias do Concello e a difusión da imaxe de Ames a partir das súa oferta festiva.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 28 de agosto. As solicitudes poden ser presentadas tanto no Rexistro Municipal da Casa do Concello e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, así como nas Oficinas Xerais do Milladoiro. O Rexistro permanece aberto de luns a venres, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

Subvencións de concorrencia competitivo
Este ano, a Concellaría de Educación e Cultura unificou dentro dunha mesma convocatoria as diversas liñas de axudas de concorrencia competitiva e con criterios obxectivos existentes. Da mesma maneira, tamén eliminou as subvencións nominativas que se viñan concedendo en edicións anteriores. Cómpre destacar tamén que as bases das axudas ás asociacións culturais e á realización de festas populares foron modificadas no pasada ano, após a apertura dun proceso de participación no que interviron diversas asociacións culturais e agrupacións de veciñas e veciños.