Pestanas principais

Abre o prazo para participar nas convocatorias de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais

Xoves, 25 de outubro de 2018

[25-10-2018] A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 18 de outubro as convocatorias de axudas para a promoción de festas populares e de actividades levadas a cabo por asociacións culturais (exercicio 2018). Hoxe, 25 de outubro, ditas bases saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto do 26 de outubro ao 26 de novembro. As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, o na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.

Para a realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais (exercicio 2018) destínase un total de 40.000 euros. A estas subvencións, poderán optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados. Cumpridas estas condicións, as asociacións poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades de índole cultural desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros.

Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura á veciñanza, a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames e a promoción da participación activa da veciñanza amesá en actividades de índole cultural, que presentan un claro interese público. Por este motivo, non se subvencionarán viaxes que non acrediten o seu carácter eminentemente cultural, a realización de obras ou o pagamento de gastos correntes como facturas telefónicas ou da luz.

Promoción de festas populares
Para a promoción de festas populares durante este 2018, está destinada unha contía de 29.500 euros. A estas achegas económicas poderán optar aquelas asociacións culturais amesás, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Neste caso, poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 50% do presuposto total, aquelas actividades asociadas á celebración de festas populares.

No tocante a esta liña de axudas para a promoción de festas, o que se procura é a existencia dunha programación festiva estable, a participación activa da veciñanza nas festas, a preservación das tradicións existentes nas distintas parroquias do Concello e a difusión da imaxe de Ames a partir das súa oferta festiva.

Presentación de solicitudes
As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, o na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 30 días naturais, do 26 de outubro ao 26 de novembro. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.