Pestanas principais

Abre o prazo para participar na nova edición do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2019-2020

Mércores, 20 de novembro de 2019

Tras o éxito acadado na edición actual do programa InserAmes Brión XI (período 2018-19), cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 60% das persoas participantes, os concellos de Ames e Brión porán en marcha un novo programa que comezará nas próximas semanas e que rematará en outubro do 2020. Para a décimo segunda edición do InserAmes Brión búscanse 100 persoas desempregadas, inscritas no servizo Público de Emprego de Galicia, residentes nos concellos de Ames e Brión e que pertenzan aos colectivos de menores de 30 anos e maiores de 45 anos.

O novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros, está dirixido a 100 persoas, 85 persoas desempregadas menores de 30 anos e 15 persoas desempregadas maiores de 45 anos, dos concellos de Ames e Brión. O obxectivo desta nova edición é superar as porcentaxes de inserción laboral dos programas anteriores e poder acadar cifras superiores ao 60 % das persoas participantes.

Durante o desenvolvemento do programa as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas, elixindo a que máis se adapte aos seus intereses entre diferentes áreas: comercio e atención ao público; actividades de almacén; ocio e tempo libre; limpeza; manexo de maquinaria…

Este ano, como novidade, impartiranse o certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais” (SSCS0208) e o módulo de “Instalacións eléctricas en edificios e vivendas” do certificado “Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión (ELEE0109)”.

Os participantes, ademais, recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, emprendemento, etc. Tamén contarán co apoio de titorías persoais para o acompañamento na busca de emprego. Os/as participantes neste programa terán dereito a percibir unha bolsa de 5 euros ao día de asistencia ás diversas accións do programa. Ademais disporán de axudas para a conciliación da vida laboral e familiar (gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes).

As persoas que estean interesadas en participar en dito programa ou queiran solicitar máis información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa, poden achegarse ao Centro de Formación e Emprego de Ames, situado na rúa Costaneira, número 2, urbanización de Aldea Nova, ou chamar aos números de teléfono: 608 459 678 e 663 711 876. Tamén se pode acudir ao departamento de Promoción Económica do Concello de Ames, situado no segundo andar da Casa do Concello, en Bertamiráns. No Concello de Brión, pódese acudir ao Servizo de Emprego da Casa da Cultura, situado na carballeira de Santa Minia, número 5, ou chamar ao número de teléfono 981 50 99 08.

Balance do InserAmes Brión XI
O pasado 31 de outubro rematou a edición 2018-2019 do programa InserAmes Brión XI,  dirixido a 100 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos, dos que 75 obtiveron un contrato laboral. Deses contratos, 61 tiveron unha duración superior aos tres meses. Ao longo dos 12 meses de duración do programa realizáronse un total de 27 accións formativas, asináronse 25 convenios de prácticas non laborais con empresas da comarca  para 43 persoas participantes.
 
Como resultado destas prácticas o 28% dos participantes acadou a súa inserción laboral. Destacando, o 100% de inserción dos alumnos que realizaron prácticas no curso de “Limpeza de superficies e locais e arranxo de habitacións en hoteis” e o 44% dos participantes do itinerario de tempo libre e servizos educativos, que veñan a confirmar o éxito das prácticas en empresas como medida de inserción no mercado laboral para os participantes no programa.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Buscan a cen desempregados para sumarse a InserAmes-Brión"

Imaxe do programa integrado de emprego InserAmes-Brión XI

Multimedia

  • Abre o prazo para participar na nova edición do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2019-2020
  • Imaxe do programa integrado de emprego InserAmes-Brión XI
  • Imaxe do programa integrado de emprego InserAmes-Brión XI
  • Imaxe do programa integrado de emprego InserAmes-Brión XI