Pestanas principais

Abre o prazo para participar na convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil

Venres, 14 de outubro de 2016

[14-10-2016] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, informa de que este venres, 14 de outubro, sae publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2016-2017. Polo tanto, as solicitudes para participar na presente convocatoria poderán presentarse no rexistro xeral do Concello entre o 14 de outubro e o 12 de novembro. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.

Estas bolsas permitirán financiar os gastos, efectuados desde o 1 de xullo de 2016 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, en libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico e complementario. Poderán optar a estas subvencións os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2016-2017 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de Educación Infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos).

Os requisitos que deberán cumprir os solicitantes son estar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Ames no momento da solicitude; as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2016/2017 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de educación infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos); e que a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2015, non fora superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2015 na cantidade de 7.455,14 euros.

As axudas teñen límites económicos por alumno/a que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.

Presentación de solicitudes
Esta convocatoria de axudas está destinada aos alumnos e alumnas de segundo ciclo de educación infantil. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, tamén en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. O prazo de presentación de solicitudes queda establecido entre o 14 de outubro e o 12 de novembro.

Este ano como novidade, esta convocatoria de axudas tivo que ser publicada na base nacional de subvencións. Este órgano foi o encargado de remitir as bases para que fosen publicadas no boletín oficial da provincia. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 correspondente ao departamento municipal de Educación.