Pestanas principais

Abre o prazo para inscribirse nos cursos que oferta a aula de informática do Milladoiro para os meses de abril, maio, xuño e xullo

Luns, 27 de marzo de 2017

[27-03-2017] Dende este luns, 27 de marzo, está aberto o prazo para inscribirse nos novos cursos que se van a impartir na Aula de informática do Milladoiro durante os meses de abril, maio, xuño e xullo. Para estes meses ofértanse unhas xornadas para aprender a crear e xestionar un blog, un curso para dar os primeiros pasos na informática, un obradoiro de procesador de textos para nenos/as, e un curso de mecanografía para rapaces e rapazas. Para obter máis información sobre estas actividades pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar unha correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal

A Aula de Informática do Milladoiro inicia a primavera cunha nova programación de actividades para os meses de abril, maio, xuño e xullo. Durante os días 19, 20 e 26 de abril impartiranse unhas xornadas para aprender a crear e xestionar un blog, que están dirixidas ás persoas maiores de 14 anos que teñan unha conta de correo electrónico en gmail. Hai dúas quendas para este obradoiro, unha de mañá, entre as 10:00 e as 11:30 horas, e outra de tarde, que terá lugar entre as 17:30 e as 19:00 horas. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. Esta actividade terá unha duración de 4,5 horas.

Para o mes de maio está prevista a realización dun curso denominado primeiros pasos na informática, para maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. Esta actividade desenvolverase os días 8, 10, 15, 22 e 24 de maio. Haberá dúas quendas diferentes: de 10:00 a 11:30 e de 18:00 a 19:30 horas. Ofértanse 10 prazas por quenda. A través deste curso de 7 horas e media de duración os usuarios/as achegaranse ao mundo da informática.

No mes de xuño impartirase un obradoiro dirixido aos nenos/as de 9 a 12 anos que queiran aprender a usar as diferentes posibilidades que ofrecen os procesadores de textos para facer esquemas, táboas, diplomas, marca páxinas, cómics, elaborar un cartel, etc. Esta actividade desenvolverase os días 1, 5, 6, 7 e 8 de xuño, en horario de 17:00 a 18:00 horas. Haberá 10 prazas dispoñibles para participar neste curso de 5 horas de duración.

Por último, do 3 ao 11 de xullo desenvolverase un obradoiro de mecanografía para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos. Esta actividade impartirase en dúas quendas. A primeira, de 11:00 a 12:00 horas, dirixida a usuarios/as de 12 a 15 anos, mentres que a segunda, de 12:00 a 13 horas, é para mozos/as de 16 a 18 anos. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. Esta actividade terá unha duración de 7 horas.

Tramitación das inscricións
As inscricións para todos estes obradoiros xa se poden realizar dende este luns, 27 de marzo, na Aula de Informática que está situada na Casa da Cultura do Milladoiro. As inscricións poden facerse de xeito presencial, en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Tamén se poden tramitar as inscricións nestas actividades de forma telemática. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal axuntando o impreso de solicitude que se pode obter premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que non participaron nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é necesario un mínimo de sete persoas inscritas. Calquera persoa que desexe máis información poderá obtela directamente na Aula de Informática, enviando un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 981 535 940.

Por outra banda a Aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula Aberta para que todas aquelas persoas que desexen facer tarefas particulares tales como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00 a 20:00 horas de luns a xoves. Os venres, o servizo de aula aberta préstase pola mañá, entre as 9:30 e as 13:30. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroado no Concello de Ames.