[06-11-2018] A oficina municipal de información xuvenil (OMIX) organiza para os meses de novembro e decembro un curso de dinamización de eventos infantís e o ciclo formativo “Máis que 2.0”. Este ciclo está composto por un curso de marca persoal e outro de marketing dixital, ambos destinados a maiores de 16 anos, así como por un obradoiro de emprendemento xuvenil. Este último taller, enfocado a alumnos de 4º ESO e bacharelato, impartirase nos centros de ensino secundario de Ames. Para participar en calquera dos tres cursos é necesario enviar a ficha de inscrición cuberta e unha fotocopia do DNI ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal antes do 13 de novembro.
Co obxectivo de apoiar á mocidade na súa formación, de cara ao seu futuro profesional, a OMIX de Ames organiza para novembro un curso de dinamización de eventos infantís dirixido a xoves maiores de 18 anos, así como dous obradoiros formativos ao abeiro do ciclo “Máis que 2.0”, dirixido a maiores de 16 anos. O primeiro destes talleres versará sobre a marca persoal, mentres que o segundo xirará en torno ao marketing dixital. Tamén se impartirá un taller de emprendemento xuvenil nos centros de ensino secundario.
Curso de Dinamización de eventos infantís
O primeiro curso en impartirse será o de Dinamización de eventos infantís, que se levará a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro o sábado 24 de novembro. Dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, as vinte prazas dispoñibles iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición, con preferencia polos empadroados/as no concello de Ames.
O contido do curso xirará arredor de diversos aspectos orientados á animación de eventos infantís, como son a maquillaxe, a globoflexia xigante para decoración ou a globoflexia infantil. Este taller de oito horas está concibido como unha formación complementaria, tanto para monitoras e monitores como para persoas interesadas en formarse en actividades vinculadas ao lecer infantil.
Ciclo formativo “Máis que 2.0”
Durante o mes de novembro e decembro tamén se realizarán tres obradoiros ao abeiro do programa de accións formativas Lidera, impulsado polo Concello de Ames co obxectivo de facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias para favorecer o emprendemento, a creatividade e as perspectivas de futuro. Así, dentro do ciclo denominado “Máis que 2.0”, surxen tres obradoiros de oito horas cada un, destinados a mozos e mozas maiores de 16 anos.
Entre os días 26 e 29 de novembro desenvolverase, na aula de informática da Casa da Cultura do Milladoiro, un obradoiro sobre a marca persoal. De 18.00 a 20.00 horas, os participantes poderán ampliar os seus coñecementos sobre a creación dunha marca propia, o deseño da estratexia e o plan para levala adiante e facela visible, e tamén a situación do contexto e o mercado laboral actual.
Por outra banda, tamén se impartirá un taller sobre marketing dixital, que se desenvolverá os días 10, 12 e 14 de decembro na aula CeMIT da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 17.00 a 20.00h. Nesta ocasión, os asistentes recibirán formación sobre aspectos como o posicionamento en buscadores, blogs, boletíns, afiliacións ou banners,así como as funcións do community manager, o deseño e presenza nas redes, ou a creación dun plan de marketing dixital.
Por último, tamén se impartirá un obradoiro de emprendemento xuvenil nos centros de ensino secundario de Ames, no que se tratarán tanto nocións básicas de emprendemento, como a planificación e a posta en marcha dun proxecto emprendedor. Ademais, os xoves de 4º de ESO e bacharelato aos que vai dirixido, tamén coñecerán exemplos reais de startups.
Tramitación das inscricións
Para realizar a inscrición en calquera das actividades organizadas pola OMIX, será necesario enviar a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova debidamente cumprimentada, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal ou entregala persoalmente na propia Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto cunha fotocopia do DNI. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. O prazo de inscrición remata o vindeiro 13 de novembro. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou do correo electrónico omix@concellodeames.gal.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Cursos digitales y de dinamización de eventos infantiles en la capital amaiana"




