Pestanas principais

Abre o prazo para inscribirse no Setembro Lúdico

Luns, 16 de xullo de 2012

[16-07-2012] Xa estamos metidos de cheo no verán e o mes de setembro comeza a estar máis preto. Para ocupar o tempo de lecer que teñen os nenos e nenas dende o remate da Escola de verán e o comezo do curso escolar, a Concellaría de Educación pon en marcha o programa Setembro Lúdico. Esta iniciativa vai dirixida aos rapaces e rapazas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria, que están empadroados no Concello de Ames. Este programa de conciliación da vida laboral e familiar desenvolverase os días 3, 4, 5, 6, 7, 10 e 11 de setembro. O prazo de inscrición ábrese hoxe e pechará o vindeiro 3 de agosto. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición neste programa e as bases dos programas lúdicos.

Un ano máis, o Concello de Ames oferta unha alternativa para o tempo de lecer dos nenos e nenas amienses ademais dunha boa oportunidade para conciliar a vida laboral e familiar a través do programa Setembro lúdico. Os beneficiarios serán os cativos de segundo ciclo de educación infantil e os nenos e nenas de educación primaria empadroados no Concello de Ames. Tamén poderán acceder ao programa, as fillas e fillos de persoas, que estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación deberá acreditarse cun certificado da empresa ou institución correspondente. Tendo sempre preferencia os empadroados no Concello.

O Setembro Lúdico iniciarase cada día ás 7:30 h. co programa Bos Días, e estanse a estudar as opcións de con ou sen almorzo. Ás nove da mañá os nenos e nenas pasarán a desenvolver as actividades programadas ata as 14:30 horas. No caso de Bertamiráns, os nenos e nenas desenvolverán as actividades no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro as actividades terán lugar na escola infantil, situada na Travesía do Porto, e no pavillón polideportivo. Os nenos e nenas que non vaian usar o servizo de comedor serán recollidos/as antes desta hora. Os usuarios de comedor terán xogo libre e comedor ata as 16.00 horas.

Prazo de inscrición

Hoxe ábrese o prazo de inscrición para este Setembro Lúdico 2011/2012 e pecharase o 3 de agosto. Todas as persoas que desexen inscribir neste programa os seus fillos/as terán que entregar a ficha de inscrición cuberta, os impresos de autorizacións, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e unha fotocopia do libro de familia completo. O libro de familia e a tarxeta sanitaria, só se entregarán nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou houbese algún cambio na situación familiar.

Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. Posteriormente, haberá que entregar esta documentación no Rexistro Xeral do Concello en Bertamiráns (de luns a sábado) e na Oficina Municipal do Milladoiro (de luns a venres). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario é de 9:00 h. a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións fóra de prazo.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abre o prazo en Ames para inscribirse no Setembro Lúdico"