Pestanas principais

Abre o prazo para inscribirse no obradoiro de Acollemento Lingüístico “En galego, co teu acento”

Luns, 05 de abril de 2021

A concellaría de Normalización Lingüística convoca os Obradoiros de Acollemento Lingüístico “En galego co teu acento”, unha actividade dirixida ás persoas procedentes de fora de Galicia que viven no concello, aos migrantes e retornados e a calquera veciño ou veciña interesada en achegarse á lingua e á cultura galegas. O obradoiro desenvolverase entre o 14 de abril e o 21 de maio. As inscricións pódense facer de xeito presencial na oficina do Servizo de Normalización no Pazo da Peregrina e na oficina do SAMI que está situada nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Tamén se recollen inscricións a través dos teléfonos 662 377 215 e 981 377 656. O prazo para inscribirse está aberto até 12 de abril.

Proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura é á historia de Galicia; dar a coñecer as infraestruturas e os servizos que ofrece Ames; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá e pór en valor a multiculturalidade de Ames son os obxectivos básicos destes obradoiros que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello desde hai preto de vinte anos.

“A idea da actividade é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua”, manifesta a concelleira Escarlata Pampín. 

O obradoiro ten unha duración de 30 horas, repartidas en 15 sesións de 120 minutos. Para obter o certificado de asistencia só se poderá faltar o 10% das sesións.

Ames, un espazo privilexiado de intercambio cultural
O Concello de Ames ten unha alta porcentaxe de poboación procedente de fóra de Galicia. Na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte a Ames nun espazo privilexiado de intercambio cultural e esa interculturalidade e parte do valor do concello e algo que enriquece a todas e todos os seus habitantes.

“Moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galegas e, por esta razón, entendemos necesaria a organización dun obradoiro dirixido fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia, co obxectivo de que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas que contribúan á súa integración e asentamento e á cohesión social” manifesta a concelleira Escarlata Pampín, quen tamén matiza que “estes obradoiros poden servir ademais de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS)”.

Cartaz obradoiro En galego, co teu acento

Multimedia

  • Cartaz obradoiro En galego, co teu acento