Pestanas principais

Abre o prazo para apuntarse no Nadal lúdico

Luns, 31 de outubro de 2011

[31-10-2011] Co tempo de Nadal comezan as vacacións para os máis cativos, pero os pais e nais seguen traballando, polo que cómpre conciliar a vida laboral coa familiar. Así, un ano máis, o departamento de Educación do Concello de Ames, abre o prazo para inscribirse no programa Nadal lúdico, co que ofrece unha alternativa para que, ademais de ocupar o tempo libre dos rapaces e rapazas dun xeito divertido e educativo, permita a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos cativos. O prazo para apuntarse estará aberto dende o día 1 ata o 15 de novembro. O Nadal lúdico desenvolverase durante os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3, 4, e 5 de xaneiro. As actividades organizadas dentro deste programa comezarán ás 7:30 h. e rematarán ás 16:00 horas. Para apuntarse, as persoas interesadas deberán recoller o sobre coa documentación no departamento de Educación en Bertamiráns ou na Oficina Municipal do Milladoiro. Tamén está dispoñible na páxina web do Concello. Picando no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición, as bases de funcionamento dos programas lúdicos e a información sobre a documentación que é preciso achegar para beneficiarse de posibles bonificacións nas taxas.