Pestanas principais

Abre o prazo de renovación e preinscrición para o programa de psicomotricidade educativa e preventiva

Luns, 16 de maio de 2016

[16-05-2016] A concellaría de Educación e Cultura acaba de abrir o prazo para renovar praza ou realizar a preinscrición no programa de psicomotricidade educativa e preventiva que se vai desenvolver tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Todos os pais e nais que desexen apuntar os seus fillos/as nesta actividade para o vindeiro curso deberán renovar praza ou formalizar a preinscrición entre o 16 e o 24 de maio. Os nenos e nenas que sexan admitidos terán que formalizar a matrícula entre o día 20 e o 30 de xuño. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de preinscrición para participar nesta actividade.

Esta actividade, que está dirixida aos nenos/as de 3, 4 e 5 anos (etapa de educación infantil), desenvólvese nas aulas de psicomotricidade dos colexios de infantil, en Bertamiráns no CEIP A Maía e no CEIP Agro do Muíño, e no Milladoiro na escola infantil desta localidade. A actividade levarase a cabo cunha periodicidade dunha sesión semanal, cunha duración dunha hora, o longo do curso escolar. O obxectivo xeral que se persegue co programa de psicomotricidade educativa preventiva é favorecer o desenvolvemento do neno/a.

Esta actividade esta baseada no modelo de práctica xerado polo profesor Bernard Aucouturier, fundador da asociación Europea de práctica psicomotríz (ASEFOP). A práctica psicomotriz pódese definir como unha metodoloxía que acompaña e apoia o proceso de maduración dos nenos/as. Dende os primeiros meses ata os 6-7 anos os nenos/as atópanse nunha etapa na que se encontran nunha situación de globalidade, en unión permanente e estreita entre o seu corpo e a súa mente. Deste xeito, dáse unha interdependencia entre os aspectos físicos, psíquicos e emocionais. A vía corporal é o primeiro medio a través do que o neno aprende, coñece o entorno, se coñece a si mesmo, se comunica, etc.

O traballo que o neno/a fai na sala permitiralle expresarse de xeito motriz e así poderá avanzar cara a comunicación, creación e posteriormente cara o pensamento operatorio. Acadar obxectivos escolares como son a lecto-escritura, están intimamente relacionados co nivel de maduración do neno/a, coa súa capacidade de desconcentración tónico/emocional, é dicir, coa capacidade de expresar as súas emoción por vías diferentes á corporal. Esta actividade, polo tanto, potencia e favorece a integración escolar dos nenos/as xa que facilita a adquisición de destrezas tales como a observación, a escoita, a atención e a socialización requiridas no rendemento académico.

Tramitación das preinscricións
Todos os pais e nais que desexen apuntar os seus fillos/as nesta actividade de cara ao vindeiro curso deberán renovar praza ou formalizar a preinscrición entre o 16 e o 24 de maio entregando a documentación que se lle require no Rexistro Xeral da Casa do Concello, no Rexistro das oficinas de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h á 14:00 horas.

As familias interesadas en participar no programa de psicomotricidade poden recoller a ficha de preinscrición ou de matrícula no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Ademais, tamén poden descargar o impreso de preinscrición na sección de Avisos da web municipal para logo entregalo cuberto nos mesmos lugares.

Unha vez rematado o período de renovación de praza e preinscrición publicarase a lista de admitidos/as e o prazo e lugares de matrícula, nos taboleiros de anuncios do Concello en Bertamiráns e da Oficina Municipal do Milladoiro. O prazo establecido para formalizar a matrícula vai dende o día 20 ata o 30 de xuño. Para obter máis formación pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abren o prazo para o curso de motivación infantil"