Pestanas principais

Abre o prazo de preinscrición e renovación de matrícula nas Escolas Deportivas Municipais de Ames

Luns, 03 de setembro de 2018

[03-09-2018] Dende o martes, 4 de setembro, pódense realizar os trámites de preinscrición e renovación de matrícula nas Escolas Deportivas Municipais de Ames. O prazo estará aberto ata o 13 de setembro, ás 13:00 horas. As persoas que realicen a preinscrición deben saber que as prazas adxudicaranse nun sorte público que se desenvolverá o 19 de setembro, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Posteriormente, o venres 21 de setembro, farase pública a listaxe coas persoas admitidas. Este ano destaca a inclusión de catro novas actividades como son o squash (dentro do apartado de Formación deportiva) e as clases de adestramento funcional; ioga e GAP (hipoprensivos) – Aerocombat (dentro do programa de Ponte en forma). As actividades deportivas comezarán a semana do 1 de outubro. Premendo á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto informativo e maila ficha de inscrición.

Tanto a renovación da matrícula como a preinscrición poderase realizar de xeito presencial ou de xeito telemático. Presencialmente, poderanse facer na Casa da Cultura do Milladoiro ou na Casa do Concello, en Bertamiráns, en horario de 9:00 a 13:00 horas. Telematicamente, os trámites poderanse realizar enviando a ficha de inscrición cuberta a un dos seguintes enderezos de correo electrónico: deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal. No caso de renovación de praza, ademais de enviar a ficha de inscrición cuberta, haberá que solicitar a folla de autoliquidación das taxas que se deberá facer do 4 ao 13 de setembro. O prazo para completar o trámite de renovación ou preinscrición remata o vindeiro 13 de setembro, ás 13:00 horas.

Cada persoa poderá inscribirse nun máximo de dúas actividades das Escolas Deportivas, sempre e cando non coincidan os horarios. Non se permite a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. As persoas que realicen a preinscrición deben saber que as prazas adxudicaranse nun sorte público que se desenvolverá o 19 de setembro, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Posteriormente, o venres 21 de setembro, farase pública a listaxe coas persoas admitidas. As persoas que obteñan praza despois do devandito sorteo deberán solicitar a folla de autoliquidación por correo electrónico ou de xeito presencial e efectuar o pagamento das actividades nas que van a participar entre o 21 e o 26 de setembro. Unha vez se pague a devandita autoliquidación non será necesario entregar o resgardo. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.

As actividades das Escolas Deportivas comezarán na semana do luns 1 de outubro, rematando a semana do 31 de maio de 2019. Para a formación de grupos será preciso que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas dispoñibles. O prezo de matrícula é, para menores de 18 anos, de 32 euros, descendendo a 16 euros para segundos membros menores de idade, e a 8 euros para terceiros. Se unha persoa, menor de 18 anos, se matricule en dúas escolas deportivas o prezo será de 48 euros, cun prezo de 24 e 12 euros para segundos e terceiros membros respectivamente. As persoas maiores de 18 anos deberán aboar un prezo de matrícula de 48 euros, no caso de inscribírense nunha única escola deportiva, ou de 72 no caso de inscribírense en dúas.

Actividades ofertadas nas Escolas Deportivas
No folleto informativo, que se pode obter a través da ligazón que está no apartado de descargas, pódese consultar toda a información sobre a oferta de actividades deportivas, incluídos horarios e localizacións. A oferta deste curso 2018-2019 inclúe 20 actividades diferentes; 13 encadradas no programa de Formación Deportiva e 7 no apartado de Ponte en Forma.

Este ano destaca a inclusión de catro novas actividades como son o squash (dentro do apartado de Formación deportiva) e as clases de adestramento funcional; ioga e GAP (hipoprensivos) – Aerocombat (dentro do programa de Ponte en forma). Por primeira vez, tanto nenos/as como adultos poderán asistir a clases de squash grazas a pista que se está a construír no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Trátase da primeira pista municipal onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash.

Deste xeito, o goberno municipal reparte de xeito equitativo todas as actividades deportivas a excepción do squash, que tan só poderá desenvolverse en Bertamiráns, e o spinning que se practica en exclusividade no Milladoiro, repartindo así diferentes especialidades entre os dous núcleos urbanos.