[07-04-2014] A aula de informática do Milladoiro xa ten pechada a programación de cursos formativos que ofrecerá durante os meses de abril, maio, xuño e xullo. No mes de abril impartirase un curso para aprender a buscar información a través do buscador Google. Para o mes de maio está previsto que se desenvolva un obradoiro de iniciación ao procesador de textos Writer. Por último, nos meses de xuño e xullo impartiranse dous obradoiros de mecanografía para nenos/as. Estes cursos son totalmente gratuítos. As inscricións xa se poden facer dende o día 4 de abril na propia Aula de informática, que está situada na Casa da Cultura do Milladoiro.
Dende o venres, 4 de abril, xa se poden realizar as inscricións para os cursos formativos que ofrece a aula de informática do Milladoiro durante os meses de abril, maio, xuño e xullo. Estas actividades realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que aínda non tiveron a oportunidade de matricularse nalgún dos obradoiros programados anteriormente. Durante o primeiro trimestre de 2014 xa se impartiron dous cursos, sobre o uso dunha conta de correo electrónico e sobre un procesador de textos, no que participaron 20 persoas.
Durante o mes de abril desenvolverase un curso para aprender a buscar información a través do buscador Google. Esta actividade está dirixida ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de informática, que queiran aprender a empregar o buscador Google para buscar información na Internet. A actividade, que se desenvolverá entre os días 21 e 24 de abril, ofrecerase en dúas quendas: en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, e de tarde, de 18:00 a 19:30 horas. En total, terá unha duración de seis horas. Hai 10 prazas dispoñibles por cada unha das quendas. A inscrición neste curso é gratuíta.
En maio, impartirase un curso de iniciación ao procesador de textos Writer. Este obradoiro tamén está dirixido ás persoas maiores de 18 anos que queiran aprender a usar un procesador de textos de maneira básica. As clases desta actividade impartiranse entre os días 19 e 22 de maio, en horario de 10:00 a 11:30 da mañá e de 18:00 a 19:30 horas da tarde. Este curso ten unha duración de seis horas e conta con 10 prazas dispoñibles por quenda. A inscrición neste curso tamén é totalmente de balde.
Obradoiros de mecanografía para nenos/as
Nos meses de xuño e xullo, a aula acollerá dous obradoiros de mecanografía, que están dirixidos aos nenos e nenas amienses que estean interesados en aprender a manexar un programa de mecanografía. O obradoiro de xuño está dirixido aos nenos/as de 9 a 11 anos. Neste caso o curso impartirase entre os días 2, 3, 5, 9 e 10 de xuño, en horario de 16:15 h a 17:15 horas. En xullo, aproveitando as vacacións de verán, o curso de mecanografía realizarase do 7 ao 11 de xullo, en horario de mañá, de 11:00 a 12:00 horas. Este obradoiro está dirixido aos nenos/as de 12 a 15 anos. Estes cursos teñen unha duración de cinco horas e contan con 10 prazas dispoñibles para cada mes. Este cursos son gratuítos.
Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Así mesmo, as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Deberá haber un mínimo de 7 inscritos para que se realicen estas actividades. Terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. As inscricións haberá que facelas en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Para obter máis información sobre estes cursos poden falar coa responsable da Aula de informática do Milladoiro chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.org.
Horario de Aula Aberta
Cómpre lembrar que o Concello de Ames ofrece o servizo de Aula Aberta, na aula de informática do Milladoiro, co obxectivo de que todos os veciños e veciñas que estean empadroados poidan usar os computadores para facer traballos persoais, consultar o correo electrónico, buscar información, etc. O servizo de Aula Aberta, ofrécese de luns a xoves, de 16:00 a 20:00 horas, e os venres, de 9:30 a 13:30 horas. Neste horario a coordinadora da Aula de informática do Milladoiro resolverá todas as dúbidas dos usuarios/as e prestaralle axuda a aquelas persoas que o necesiten.




