[28-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, volve convocar, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 12 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición do XIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames.
Un ano máis, o Concello de Ames organiza, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, o Concurso de Escaparates de Nadal, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de decembro. As persoas titulares de comercios interesadas en participar deberán entregar o impreso de solicitude no rexistro da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A inscrición nesta actividade é totalmente gratuíta.
Os escaparates deberán estar expostos entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que conformen o xurado quedará excluído do concurso. O xurado estará composto por unha persoa representante de cada unha das tres asociacións de comerciantes do concello, así como por unha persoa representante da asociación de Consumidores de Galicia (UCGAL). O xurado contará coa asistencia dunha ou dun técnico especialista, a designar pola Alcaldía. Así mesmo, persoal pertencente á Concellaría de Promoción Económica actuará como secretario.
O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de decembro de 2018. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificado recibirá, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. Uns importes aos que se lles aplicará a retención do IRPF que corresponda no momento da entrega de premios. Alén diso, o concurso tamén contará co Premio Especial do Público, o cal premiará a un establecemento do Milladoiro e outro de Bertamiráns con 200 euros cada un. O resultado das votacións do público serán publicados a finais do mes de xaneiro de 2019. Os establecementos seleccionados polo xurado e polo público gozarán, ademais, da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, en función das necesidades da programación da radio municipal.
Para realizar as votacións do Premio Especial do Público entregaranse 150 boletos a cada establecemento inscrito, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos coas votacións deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro, entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. No caso de que algún boleto presente algún campo baleiro, será considerado nulo. Ademais, só serán contabilizados un número máximo de 10 votos por persoa, e non está permitido o voto de ningún titular ou cotitular dos establecementos participantes. As clientas e clientes que emitan, polo menos un voto, participarán no sorteo dun talón por importe de 300 euros, para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de tres talóns bancarios, todos eles de un importe de 300 euros cada un.
O sorteo terá lugar unha vez rematado o período de Nadal, o mesmo día en que se realice o reconto dos votos do público. Para escoller ás persoas gañadoras, extraeranse tres boletos ao azar. Do mesmo xeito, tamén se retirarán outros seis boletos, que serán asignados ás persoas suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. O nome das persoas gañadoras dos cheques, así como o das suplentes, darase a coñecer o mesmo día que os nomes dos establecementos máis votados polo público.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Abierta la inscripción del concurso de escaparates navideños"
El Correo Gallego: "Concurso de escaparates en Ames"
Compostela 24 horas: "Ábrese o prazo de inscrición para participar no XIII Concurso de Escaparates de Nadal de Ames"




