Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para participar no programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”

Xoves, 03 de marzo de 2016

[03-03-2016] As concellarías de Medio Ambiente e Mocidade acaban de abrir o prazo, para que todos os mozos e mozas que estean interesados, fagan a súa preinscrición no programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”. Esta actividade, que está dirixida a mozos/as entre os 13 e os 18 anos, desenvolverase durante a fin de semana do 8 ao 10 de abril. Ofértanse 50 prazas e para que se desenvolva esta iniciativa ten que haber como mínimo 25 inscritos. O custe da actividade é de 78 euros e inclúe os gastos de desprazamento, aloxamento en réxime de pensión completa, e o custe das actividades que se van desenvolver. O prazo de preinscrición estará aberto ata o 17 de marzo. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición nesta actividade.

“Vente de finde” é un programa que pretende poñer en valor diferentes actividades lúdicas e ambientais para fomentar a participación e promover o respecto pola natureza no tempo de lecer dos/as mozos/as do concello. Mediante esta saída, a mocidade amesá dotarase das ferramentas precisas para traballar a súa autonomía e independencia mediante a cooperación, o respecto e o achegamento ao medio natural, a través do deporte e o lecer.

A actividade realizarase a fin de semana do 8 ao 10 de abril na comarca de Bergantiños, concretamente na praia de Razo, situada no concello de Carballo, un dos destinos de surf e natureza máis importantes de Galicia. As instalacións e o albergue están situados a pé de praia. O venres 8 pola tarde saírase en autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro.

Unha vez se chegue á praia de Razo xa se comezarán a desenvolver diferentes actividades. O sábado 9 dedicarase especificamente a realizar actividades relacionadas co surf e coa meteoroloxía, para aprender a diferenciar ventos correntes, nubes indicativas de cambio de tempo, etc. Tamén se farán outro tipo de actividades na praia e no albergue. Durante a mañá do domingo 10 seguiranse realizando actividades de surf. Pola trade, os mozos e mozas participarán nunha ruta que discorrerá polo litoral que une Razo e a Lagoa de Baldaio, que está incluída na Rede Natura 2000 (clasificada como lugar de interese comunitario e zona de especial protección de aves).

Actividade dirixida a mozos/as de 13 a 18 anos
Este programa está dirixido a mozos/as entre os 13 e os 18 anos. Dende as concellarías de Mocidade e Medio Ambiente estableceuse un orde de prioridade para a admisión das prazas. En primeiro lugar, terán preferencia os mozos/as empadroados/as no Concello de Ames. De existir máis prazas que solicitudes poderán acceder ao servizo os mozos/as que non estando empadroados/as no Concello de Ames, están matriculados/as nun centro educativo de Ames ou os seus pais traballan no termo municipal. Para iso haberá que axuntar documentación acreditativa da empresa ou centro educativo no momento da preinscrición. Por último, se quedan prazas libres, poderán participar os mozos/as non empadroados/as.

Ofértanse 50 prazas e para que se desenvolva esta iniciativa ten que haber como mínimo 25 inscritos. O custe da actividade é de 78 euros e inclúe os gastos de desprazamento, aloxamento en réxime de pensión completa, e o custe das actividades relacionadas co surf que se van desenvolver. Os interesados nesta actividade deben saber que teñen que levar a cea da primeira noite (correspondente ao venres 8 de abril).

Prazo de preinscrición: do 3 ao 17 de marzo
O prazo de preinscrición estará aberto do 3 ao 17 de marzo. As bases e o impreso de preinscrición da actividade poderán obterse no departamento de Medio Ambiente, (Casa do Concello) e na OMIX de Ames (Casa da Cultura de Milladoiro os martes e venres e Casa da Cultura de Bertamiráns os luns, mércores e xoves). Tamén se pode descargar da sección de AVISOS da páxina web municipal.

Os mozos e mozas que desexen participar nesta actividade deben presentar o devandito impreso de preinscrición acompañado dunha fotocopia do DNI, unha fotografía recente, e un certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida). Esta documentación entregarase nos rexistros municipais da Casa do Concello (de luns a sábado de 9.00h a 14.00h), do Pazo da Peregrina ou das oficinas municipais do Milladoiro (estes de luns a venres de 9.00h a 14.00h). As prazas adxudicaranse por rigoroso orde de entrada nos rexistros municipais.

Formalización do pagamento
Unha vez rematado o prazo de preinscrición, publicarase a lista de admitidos/as, que deberán facer efectiva a súa inscrición mediante o pagamento da actividade (cubrindo o modelo de autoliquidación) entre o 21 e o 30 de marzo (nunca antes de saír publicada a listaxe de admitidos/as). O modelo de autoliquidación para efectuar o pagamento da actividade chegaralle ao correo electrónico de cada inscrito, que facilitou no impreso de preinscrición, e tamén poderá obtelo de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00h nos departamentos anteriormente mencionados e no correo electrónico ames@canaltributos.com.

En caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar o modelo de autoliquidación través do banner da “Oficina Virtual Tributaria”, que figura na web municipal, ou a través da banca electrónica de ABANCA. As autoliquidacións poderán facerse efectivas en calquera entidade bancaria de ABANCA, BBVA, CaixaBank, Banco Sabadell e Banco Pastor.

Para obter máis información poden poñerse en contacto co persoal do departamento de Medio Ambiente, que está situado na Casa do Concello, chamar ao número de teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Outra alternativa é poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (martes e venres na Casa da Cultura Milladoiro e luns, mércores e xoves na Casa da Cultura Bertamiráns), chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Fin de semana en la playa de Razo entre naturaleza y con prácticas de surf"