Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para participar no programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”

Mércores, 08 de marzo de 2017

[08-03-2017] As concellarías de Medio Ambiente e Mocidade acaban de abrir o prazo, para que todos os mozos e mozas que estean interesados, fagan a súa preinscrición no programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”. Esta actividade, que está dirixida a mozos/as entre os 13 e os 17 anos, desenvolverase durante a fin de semana do 31 de marzo ao 2 de abril. Ofértanse 30 prazas e para que se desenvolva esta iniciativa ten que haber como mínimo 15 inscritos. O custe da actividade é de 80 euros e inclúe os gastos de desprazamento, aloxamento en réxime de pensión completa, e o custe das actividades que se van desenvolver. O prazo de preinscrición estará aberto ata o 17 de marzo. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición nesta actividade.

Os mozos e mozas que desexen participar nesta actividade deben presentar o devandito impreso de preinscrición acompañado dunha fotocopia do DNI, unha fotografía recente, e un certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida). Esta documentación entregarase nos rexistros municipais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou das oficinas municipais do Milladoiro (de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas). As prazas adxudicaranse por rigoroso orde de entrada nos rexistros municipais.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición, publicarase a lista de admitidos/as, que deberán facer efectiva a súa inscrición mediante o pagamento da actividade (cubrindo o modelo de autoliquidación) entre o 21 e o 27 de marzo (nunca antes de saír publicada a listaxe de admitidos/as). O modelo de autoliquidación para efectuar o pagamento da actividade chegará ao correo electrónico que facilitou no impreso de preinscrición, e tamén poderá obtelo de luns a venres en horario de 9.00h a 14.00h nos departamentos anteriormente mencionados e no correo electrónico ames@canaltributos.com.

En caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar o modelo de autoliquidación través do banner da “Oficina Virtual Tributaria”, que figura na web municipal, ou a través da banca electrónica de ABANCA. As autoliquidacións poderán facerse efectivas en calquera entidade bancaria de ABANCA, BBVA, CaixaBank, Banco Sabadell e Banco Pastor.

Para obter máis información poden poñerse en contacto co persoal do departamento de Medio Ambiente, que está situado na Casa do Concello, chamar ao número de teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Outra alternativa é poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (martes e venres na Casa da Cultura Milladoiro e luns, mércores e xoves na Casa da Cultura Bertamiráns), chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal.