Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para participar no programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”

Luns, 06 de marzo de 2017

[06-03-2017] As concellarías de Medio Ambiente e Mocidade acaban de abrir o prazo, para que todos os mozos e mozas que estean interesados, fagan a súa preinscrición no programa “Vente de finde, natureza e surf na praia de Razo”. Esta actividade, que está dirixida a mozos/as entre os 13 e os 17 anos, desenvolverase durante a fin de semana do 31 de marzo ao 2 de abril. Ofértanse 30 prazas e para que se desenvolva esta iniciativa ten que haber como mínimo 15 inscritos. O custe da actividade é de 80 euros e inclúe os gastos de desprazamento, aloxamento en réxime de pensión completa, e o custe das actividades que se van desenvolver. O prazo de preinscrición estará aberto ata o 17 de marzo. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición nesta actividade.

Vente de finde é un programa que pretende poñer en valor diferentes actividades lúdicas e ambientais para fomentar a participación e promover o respecto pola natureza no tempo de lecer dos/as mozos/as do concello. Mediante esta saída, a mocidade amesá dotarase das ferramentas precisas para traballar a súa autonomía e independencia mediante a cooperación, o respecto e o achegamento ao medio natural, a través do deporte e o lecer.

A actividade realizarase a fin de semana do 31 de marzo ao 2 de abril na comarca de Bergantiños, concretamente na praia de Razo, situada no concello de Carballo, un dos destinos de surf e natureza máis importantes de Galicia. As instalacións e o albergue están situados a pé de praia. O venres 31 de marzo pola tarde saírase en autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro.

Unha vez se chegue á praia de Razo xa se comezarán a desenvolver diferentes actividades. O sábado 1 de abril pola mañá dedicarase especificamente a realizar actividades relacionadas co surf, mentres que pola tarde tocaralle a quensa ao medio ambiente realizando a ruta Piñeiros do mar. Despois dun anaco de tempo libre e da cea, os participantes asistirán a unha sesión de Surf Cinema. Durante a mañá do domingo 2 de abril seguiranse realizando actividades de surf. Pola trade, os mozos e mozas visitaran a praia fósil de Baldaio.

Actividade dirixida a mozos/as de 13 a 17 anos
Este programa está dirixido a mozos/as entre os 13 e os 17 anos. Ofértanse 30 prazas e para que se desenvolva esta iniciativa ten que haber como mínimo 15 inscritos. O custe da actividade é de 80 euros e inclúe os gastos de desprazamento, aloxamento en réxime de pensión completa, e o custe das actividades relacionadas co surf que se van desenvolver.

O prazo de preinscrición estará aberto do 6 ao 17 de marzo. As bases e o impreso de preinscrición da actividade poderán obterse no departamento de Medio Ambiente, situado na Casa do Concello. Tamén se pode descargar da sección de AVISOS da páxina web municipal.

Os mozos e mozas que desexen participar nesta actividade deben presentar o devandito impreso de preinscrición acompañado dunha fotocopia do DNI, unha fotografía recente, e un certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida). Esta documentación entregarase nos rexistros municipais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou das oficinas municipais do Milladoiro (de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas). As prazas adxudicaranse por rigoroso orde de entrada nos rexistros municipais.

Formalización do pagamento
Unha vez rematado o prazo de preinscrición, publicarase a lista de admitidos/as, que deberán facer efectiva a súa inscrición mediante o pagamento da actividade (cubrindo o modelo de autoliquidación) entre o 21 e o 27 de marzo (nunca antes de saír publicada a listaxe de admitidos/as). O modelo de autoliquidación para efectuar o pagamento da actividade chegará ao correo electrónico que facilitou no impreso de preinscrición, e tamén poderá obtelo de luns a venres en horario de 9.00h a 14.00h nos departamentos anteriormente mencionados e no correo electrónico ames@canaltributos.com.

En caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar o modelo de autoliquidación través do banner da “Oficina Virtual Tributaria”, que figura na web municipal, ou a través da banca electrónica de ABANCA. As autoliquidacións poderán facerse efectivas en calquera entidade bancaria de ABANCA, BBVA, CaixaBank, Banco Sabadell e Banco Pastor.

Para obter máis información poden poñerse en contacto co persoal do departamento de Medio Ambiente, que está situado na Casa do Concello, chamar ao número de teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Outra alternativa é poñerse en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (martes e venres na Casa da Cultura Milladoiro e luns, mércores e xoves na Casa da Cultura Bertamiráns), chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal.