Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para participar no obradoiro de Crianza musical con Apego que vai ter lugar o 18 de febreiro no Milladoiro

Xoves, 09 de febreiro de 2017

[09-02-2017] A Concellaría de Normalización Lingüística está organizando para o vindeiro sábado, 18 de febreiro, o obradoiro de Crianza musical con Apego que se vai desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dúas sesións: a primeira ás 17:00 e a segunda ás 18:00 horas. Por cada quenda ofértanse 10 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Esta actividade está dirixida aos bebes e nenos/as de 0 a 3 anos, acompañados de unha ou dúas persoas adultas. As inscricións poderanse facer ata o 16 de febreiro enviando un coreo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal co nome do neno/a, idade e horario elixido. Enviarase un correo coa confirmación da praza solicitada.

Trátase dun obradoiro introdutorio que pretende achegar ás familias de nenos entre os 0 e 3 anos, materiais musicais, recursos, ideas e ferramentas básicas para poder seguir traballando na casa a sensibilidade e a estimulación musical. Os materiais foron creados especificamente para nenos destas idades. Traballar a lingua coa música contribúe a que esta se vaia adquirindo de maneira natural. Este obradoiro será impartido por Leticia Falcón, directora do Centro de Estimulación Temperá Musical e Escola de Música Allegro.T do Milladoiro, que conta cunha ampla formación en diferentes pedagoxías e especializada na estimulación musical temperá.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explica que “bótase de menos o uso da lingua galega entre os nenos máis pequenos, e por ese motivo a importancia que ten dende as nosas casas, o uso do galego, e, ademais, moi interesante dende a música. Por outro lado encontrámonos que non hai moitas actividades musicais dirixidas para estas idades, nas que teñen unha vital importancia, xa que o desenvolvemento do oído musical, está en pleno apoxeo. É por iso que me parece importante que exista obradoiros específicos para que a través da música, os nenos e nenas poidan sociacializar e asentar o apego pola lingua”.

O obradoiro está destinado para aquelas familias que teñan nenos entre os 0 e 3 anos, e ofrécense 10 prazas en cada quenda. O neno ou a nena ten que estar sempre acompañado de unha ou dúas persoas adultas. No obradoiro trabálase con grupos moi reducidos debido á que ao seren os e as destinatarios de tan pouca idade precisan unha atención constante para lograr unha actividade participativa e dinámica. A duración do obradoiro será dunha hora. A primeira quenda será ás 17:00 h e a segunda ás 18:00 horas. A actividade levarase a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro. A metodoloxía empregada vai a ser moi dinámica e práctica.

O obxectivo fundamental será que os e as participantes leven para a casa ferramentas, materiais, recursos e ideas para poder seguir traballando, divertíndose e estimulando aos nenos e nenas máis pequenos tanto na adquisición da lingua como na sensibilidade musical.