Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para participar no Concurso de Escaparates Nadal 2013

Martes, 03 de decembro de 2013

[03-12-2013] O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para participar no VIII Concurso de Escaparates Nadal 2013. A Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo pon en marcha unha renovada edición deste concurso no que os comercios amienses competirán co engalanado dos seus escaparates. Os escaparates deberán estar montados e expostos dende o 14 de decembro de 2013 ata o 5 de xaneiro de 2014. As solicitudes de inscricións poderán presentarse ata o día 13 de decembro, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, nos rexistro municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Nesta edición, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña, repartiranse 2.000 euros entre os catro premios existentes. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de solicitude para participar no Concurso de Escaparates Nadal 2013.

A campaña de Nadal é unha das máis importantes do ano para os establecementos comerciais. Debido a iso, un ano máis o Concello de Ames pon en marcha unha renovada edición do Concurso de Escaparate Nadal 2013 co obxectivo de dinamizar o comercio amiense e estimular as compras. Os escaparates deberán estar decorados con motivos e adornos que teñan como tema principal as Festas de Nadal.

As solicitudes de inscricións poderán presentarse ata o día 13 de decembro, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, nos rexistro municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, os escaparates deberán estar expostos entre os días 14 de decembro de 2013 e o 5 de xaneiro de 2014. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso.

Premio Especial do Público
Como novidade este Nadal establécese un Premio Especial do Público que estará dotado con 200 euros. Este premio do público será elixido entre toda a veciñanza amiense. Para iso, o Concello entregará 150 boletos a cada establecemento inscrito no Concurso de Escaparates, para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas para tal efecto tanto na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns; como na Casa de Cultura e na Biblioteca municipal, do Milladoiro entre o 14 de decembro e o 5 de xaneiro de 2014. Non poderá votar ningún titular ou cotitular dos establecementos participantes. O establecemento que reciba o maior número de votos, será o gañador deste premio especial.

Todas aquelas persoas que emitan polo menos un voto participarán nun sorteo dunha PlayStation 4. O gañador ou gañadora deste regalo darase a coñecer o mesmo día en que se fagan públicos o resto dos premiados do Concurso de Escaparates Nadal 2013.

Así, na edición deste ano, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña, repartiranse 2.000 euros entre os catro establecementos premiados. O primeiro premio estará dotado de 800 euros, o segundo premio será de 600 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros. Ademais, os catro establecementos premiados terán un mes de publicidade gratuíta en Ames Radio.