[12-06-2017] A partir deste luns 12 de xuño, e ata o próximo día 23, estará aberto o prazo de inscrición para os primeiros cursos de natación deste verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. Os cursos que terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro, estás organizados pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude para os cursos de natación.
Hoxe comeza o prazo de inscrición para os cursos de natación do mes de xullo. Así, desde este luns ata o vindeiro día 23, todas e todos aqueles interesados poderán anotarse no mesmo. Porén, aquelas e aqueles que prefiran esperar a agosto, terán que realizar a inscrición entre o 10 e o 21 de xullo.
Ámbalas dúas quendas de cursos, tanto a de xullo como a do mes de agosto, están organizadas en función da idade das e dos participantes. Desta forma, durante os dous meses os horarios serán os seguintes: ás 11:15h comezarán as máis e os máis maiores, os que superen os 10 anos de idade; ás 12:00h será a quenda daquelas e aqueles entre os 8 e os 9 anos; xa ás 12:45h será a vez daqueles cuxa idade estea comprendida entre os 6 e os 7 anos; e, finalmente, ás 13:30h serán as máis e os máis pequenos da casa, aqueles cunha idade comprendida entre os 3 e os 5 anos, os que se mergullarán na auga.
Os cursos, organizados pola Concellaría de Deporte, en colaboración coa Deputación da Coruña, contarán con prazas limitadas. Para a primeira franxa de idade, a comprendida entre os 3 e os 5 anos, haberá 12 prazas. Para o segundo grupo, 20. Para o terceiro, 24. E para o último, para os maiores de 10 anos, 30.
Trámites de inscrición
As inscricións poderán tramitarse tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello), en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Para realizala será preciso presentar a solicitude cuberta, xunto con unha fotocopia da tarxeta sanitaria e o impreso de autoliquidación do pagamento selada pola entidade bancaria. No tocante ao prezo, cada familia deberá abonar 20 euros, reducíndose a 10 para segundos membros e a 5 para terceiros e restantes. Asemade, existen bonificacións para os membros das unidades familiares menores de 18 anos.
A folla de autoliquidación poderá solicitarse presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro, na oficina de Deportes de Bertamiráns, nas oficinas de recadación ou no enderezo de correo electrónico ames@canaltributos.com. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para máis información poden enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 981535940 ou 619842504.