Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para o Setembro Lúdico 2017

Sábado, 01 de xullo de 2017

[01-07-2017] O día 1 de xullo abre o prazo de inscrición do Setembro Lúdico que permanecerá aberto ata o día 15 deste mesmo mes. Este programa de conciliación terá lugar todas as mañás entre os días 1 e 8 de setembro. Ofrece, como o resto dos programas lúdicos organizados polo Concello de Ames ao longo do ano, a posibilidade de solicitar o servizo de almorzo ou o de xantar. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario de inscrición.

No Setembro Lúdico poden participar as rapazas e os rapaces escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria e empadroados no Concello de Ames. Outro dos requisitos para a participación é que os nenos e nenas para os que se solicite o programa pertenzan a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames, no momento de presentar a correspondente solicitude.

Ademais, haberá que acreditar a necesidade da conciliación da vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores. Por último, os solicitantes deberán estar ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames, e en xeral, non ter débedas co Concello.

Entre as 9:00 e as 14:00 horas desenvolveranse todas as actividades e xogos que engloba este programa, pero as familias poden solicitar o servizo Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor. As nenas e nenos que non o soliciten serán recollidos ás 14:00 horas, os e as demais usuarios sairán ás 16:00 horas.

Trámites de inscrición
Aínda que o prazo de inscrición comeza o día 1 de xullo, as solicitudes poderán presentarse a partir do luns, 3 de xullo, primeiro día hábil, e ata o venres 14 de xullo. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, na Oficina municipal do Milladoiro ou na propia páxina web municipal.

Posteriormente, haberá que entregar esta documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello en Bertamiráns, na Oficina Municipal do Milladoiro ou no Rexistro do departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina (de luns a venres en todos os rexistros municipais). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario de atención ao público é de 9:00 h a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións entregadas posteriormente ao 15 de xullo.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Tamén se publicarán na sección de Aviso da web municipal.

Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.