Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para o Setembro Lúdico

Martes, 05 de xullo de 2016

[05-07-2016] Entre o 1 e o 15 de xullo está aberto o prazo de inscrición no Setembro Lúdico. Este programa de conciliación terá lugar todas as mañás entre os días 1 e 9 de setembro. Ofrece, como o resto dos servizos complementarios organizados polo Concello de Ames ao longo do ano, a posibilidade de solicitar o servizo de almorzo ou o de xantar. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario de inscrición.

Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, na Oficina municipal do Milladoiro ou na propia páxina web municipal. Posteriormente, haberá que entregar esta documentación no Rexistro Xeral da Casa do Concello en Bertamiráns (de luns a sábado), na Oficina Municipal do Milladoiro ou no Rexistro do departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina (de luns a venres). Tanto para a entrega como para a recollida dos papeis, o horario de atención ao público é de 9:00 h a 14:00 horas. En ningún caso se admitirán inscricións entregadas posteriormente ao 15 de xullo.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.