Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para o programa de conciliación Primavera Lúdica

Xoves, 25 de xaneiro de 2018

[25-01-2018] O Concello de Ames abre este xoves, 25 de xaneiro, o prazo de inscrición para o programa de conciliación laboral e familiar Primavera Lúdica. O programa desenvolverase os días 26, 27 e 28 de marzo e o 2 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. Ao longo destes catro días, organizaranse unha serie de actividades educativas e culturais pensadas para aquelas familias que precisen conciliar o seu traballo co coidado das súas fillas e fillos. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición remata o vindeiro 9 de febreiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos programas lúdicos e o impreso de inscrición.


O programa de conciliación Primavera Lúdica está dirixido ás familias, empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas ou nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A Primavera Lúdica desenvolverase tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 26, 27 e 28 de marzo e o 2 de abril. Na primeira das localidades, as actividades realizaranse na Escola Infantil, na Casa da Cultura e no pavillón municipal. En Bertamiráns, as actividades levaranse a cabo nas instalacións do CEIP A Maía.

A Primavera lúdica permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando un servizo de almorzo, que comeza ás 7:30 horas, e outro de comidas, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16:00 horas. O horario das actividades irá das 9:00h ás 14:30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Tramitación das inscricións
Os documentos necesarios para realizar a inscrición na Primavera Lúdica estarán, a partir de hoxe, dispoñibles tanto na páxina web municipal, como no departamento de Educación no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro. No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a ficha, os impresos e autorizacións debidamente cubertos, o mandato SEPA, unha fotocopia compulsada do DNI da persoa titular da conta, outra do libro de familia, así como a documentación que acredite a necesidade dos responsables do núcleo familiar de participar neste servizo municipal.

A documentación poderá ser entregada ben no Rexistro Xeral do Concello, ben na oficina de Educación do Pazo da Peregrina ou na Oficina Municipal do Milladoiro. O horario de apertura destas dependencias é de 09:00h a 14:00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar os documentos remata o vindeiro 9 de febreiro.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, publicaranse as listaxes das nenas e nenos admitidos, así como as listas de agarda. A partir dese momento, abrirase un prazo de dez días naturais para presentar reclamación. No caso de que as inscricións presentadas excedan as prazas dispoñibles procederase á realización dun sorteo. O pagamento do servizo, cuxo custo está especificado nas bases do programa, poderase realizar a través dunha transferencia bancaria. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento de Educación municipal.

A Primavera Lúdica fai parte da ampla oferta de programas de conciliación que o Concello de Ames pon en marcha ao longo do ano e que coinciden coas vacacións escolares de Nadal, entroido, xuño, setembro e Semana Santa.