Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para a Foliada con Apego do vindeiro 2 de marzo

Martes, 20 de febreiro de 2018

[20-02-2018] Unha nova Foliada con Apego terá lugar o próximo venres, 2 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 18:00 horas. A actividade, que estará dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, o seu nome e apelido e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de marzo.


O venres, 2 de marzo, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá unha nova Foliada con Apego a partir das 18:00 horas. Ao longo da tarde haberá baile, cantares e moita música. As persoas que toquen algún instrumento poderán acudir con el e interpretar algunha peza na foliada. Ademais, poderase levar algún petisco para compartir como merenda co resto de persoas participantes.

As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta realizada polas familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames. O programa procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e as súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. O obxectivo das Foliadas con Apego é achegar a musica tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa son máis de 80 as familias adheridas ao programa, que comezou a andar en setembro de 2016.

Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. No momento da inscrición, deberán indicar o número de persoas participantes, o seu nome e apelido, así como un teléfono de contacto. Na foliada poderán participar todas as familias con nenas e nenos sen límite de idade, así como calquera persoa á que lle guste a música tradicional galega. O prazo de inscrición rematará o 1 de marzo. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215. A entrada será de balde ata completar aforo.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Se abre el plazo para la próxima Foliada con Apego"