Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición no programa de conciliación Primavera Lúdica

Mércores, 17 de febreiro de 2016

[17-02-2016] O Concello de Ames abre dende o día 15 de febreiro o prazo de inscrición no programa de conciliación laboral e familiar Primavera Lúdica e cuxa data límite para apuntarse é o xoves 25 de febreiro. Durante as vacacións escolares de Semana Santa, que este ano terán lugar entre os días 21 e 28 de marzo, ambas datas incluídas, o Concello organiza unha serie de actividades educativas e culturais pensadas para que aquelas familias que o precisen poidan conciliar os seus horarios de traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos programas lúdicos e o impreso de inscrición.

Os documentos necesarios para realizar a inscrición para a Primavera Lúdico non só estarán a dispoñibilidade das familias na páxina web municipal, senón que se poderán recoller no departamento de Educación de Bertamiráns ou na Oficina Municipal do Milladoiro. Deberase entregar a ficha, os impresos e autorizacións debidamente cubertos, unha fotocopia do DNI da persoa solicitante, outra fotocopia do libro de familia e, por último, a documentación que acredite a necesidade dos responsables do núcleo familiar de participar no servizo municipal.

Os documentos pode ser entregados tanto no Rexistro Xeral do Concello, na oficina de Educación do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, como na Oficinal Municipal do Milladoiro. O horario de apertura das citadas dependencias é de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres, incluíndo tamén os sábados, co mesmo horario, no caso do Rexistro Xeral do Concello.

Tralo remate do prazo de inscrición, o día 25 de febreiro, publicaranse as listas dos admitidos e admitidas así como as listas de agarda, comezando entón un prazo de dez días naturais para presentar reclamacións. En caso de que as inscricións presentadas dentro do prazo establecido polo Concello excedan as prazas procederase a realizar un sorteo. O pagamento do servizo, cuxo custo especifícase nas bases dos programas Lúdicos que se poden consultar premendo no link, baixo o apartado de descargas, pódese realizar a través dunha transferencia bancaria. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org do departamento de Educación.