[03-01-2018] O Concello de Ames participa, novamente, na campaña de esquí que organiza a Deputación da Coruña entre o 2 de febreiro e o 12 de marzo. Dirixida a rapazas e rapaces nados entre o ano 2003 e o 2007, ambos incluídos, a campaña inclúe a realización de cursos de esquí. As mozas e mozos amesáns participarán deste programa entre o 9 e o 12 de marzo. As inscricións deberán ser presentadas no Rexistro Xeral, en horario de 9:00h a 14:00 horas, ata o vindeiro 16 de xaneiro. O custo desta actividade, que conta con 12 prazas dispoñibles, é de 85 euros. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo da campaña no que está incluído o impreso de inscrición.

A Deputación Provincial da Coruña vén de pór en marcha unha nova campaña de esquí, cuxo obxectivo é achegar os deportes de inverno e a neve ás nenas e nenos da provincia. Este ano, a campaña levarase a cabo na estación de Manzaneda, na provincia de Ourense. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de cinco quendas, estenderase desde o 2 de febreiro ata o 12 de marzo.
No Concello de Ames ofértanse un total de 12 prazas, que estarán destinadas a todas as mozas e mozos interesados, nados entre o 2003 e o 2007 e empadroados no Concello de Ames. No caso de que haxa máis inscricións que prazas, realizarase un sorte público o vindeiro 17 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Casa do Concello. Terán preferencia as nenas e nenos que non teñan participado previamente en ningunha campaña de esquí da Deputación.
O prezo desta actividade é de 95 euros e inclúe o transporte, a estadía e a manutención na estación de Manzaneda. Os monitores, as aulas de esquí, o correspondente seguro, o alugamento do material e os remontes mecánicos, alén doutros gastos, están tamén incluídos na cota de inscrición. As rapazas e rapaces participantes estarán na estación de Manzaneda do venres 9 ao luns 12 de marzo.
Tramitación das inscricións
As inscrición deberán ser formalizadas nos rexistros municipais do Concello, de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:00 horas, entregando o impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado polos proxenitores ou as persoas titoras da moza ou mozo solicitante. Á hora de realizar a inscrición, tamén se deberá facer entrega dunha foto carné e dunha fotocopia da tarxeta sanitaria, así como dunha fotocopia do libro de familia ou do carné de identidade. Unha vez que o Concello de Ames confirme ás persoas solicitantes a súa praza, estas deberán entregar unha copia do pagamento da cota de inscrición. O prazo de inscrición remata o próximo 16 de xaneiro.
No caso de que algunha nena ou neno participante precise dun tratamento específico ou sufra dalgunha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo. Para máis información pódese acudir á páxina web http://www.dicoruna.es/deportes/actividades, da Deputación da Coruña, chamar ao número de teléfono 981 080 644 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete.deportes@dicoruna.gal.




