Pestanas principais

Abre novamente o prazo de inscrición para a materia Música e Movemento da Escola Municipal de Música de Ames

Venres, 19 de xaneiro de 2018

[19-01-2018] Un novo prazo de inscrición da materia Música e Movemento da EMMA permanecerá aberto ata o vindeiro venres, 26 de xaneiro. As inscricións deberán ser entregadas no rexistro da Casa do Concello ou da Oficina Municipal do Milladoiro. As prazas cubriranse por orde de rexistro de entrada. A materia ten como obxectivo estimular as capacidades expresivas, musicais, intelectuais, afectivas, sociais e psicomotrices das nenas e nenos. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a solicitude de matrícula e outros documentos.

A materia Música e Movemento baséase nun programa de sensibilización musical, a través do que se estimularán as capacidades expresivas, musicais, intelectuais, afectivas, sociais e psicomotrices ligadas ao desenvolvemento integral do alumando. Deste xeito, o alumnado mergullarase na música a través da creación, da manipulación e do xogo, sentindo, asemade, a música no seu corpo, expresándose a través dela. As técnicas metodolóxicas adaptaranse, así mesmo, ás características, peculiaridades e necesidades do grupo e ás de carácter individual de cada alumna e alumno. Eixes chave desta materia serán a igualdade, a actividade, a participación e o respecto á diversidade.

Neste novo período de inscricións, a EMMA oferta 11 prazas para esta materia. Dúas están reservadas para as crianzas nadas no ano 2013, oito para as que naceron no 2012 e unha para as que o fixeron no ano 2011. As aulas serán os luns e os mércores. As nenas e nenos nados no 2013, asistirán á aula en horario de 18:30h a 19:30 horas. Aquelas e aqueles que naceron no 2012, asistirán entre as 17:30h e as 18:30 horas e as crianzas nadas no 2011 farano entre as 16:30 e as 17:30 horas.

O prazo de inscrición para a materia Música e Movemento permanecerá aberto desde hoxe ata o vindeiro venres, 26 de xaneiro. As prazas cubriranse por orde de rexistro de entrada. As solicitudes que non acaden unha praza pasarán á lista de agarda, coa que se cubrirán as baixas que se poidan producir ao longo do curso. A cota mensual para esta actividade é de 35 euros, existindo bonificacións para familias con ingresos anuais netos, por membro da unidade familiar, inferiores ao 50% do IPREM anual. Neste caso, o prezo descendería aos 28 euros. A matrícula da EMMA é de 50 euros.

Unha vez asignadas as prazas, o persoal da EMMA porase en contacto coas familias. Recoméndase que se entregue toda a documentación solicitada no momento da inscrición. Deste xeito, confirmadas as prazas non haberá que facer entrega de documentación adicional no rexistro, polo que só será preciso achegar o impreso de autoliquidación das taxas.

As novas alumnas e alumnos incorporaranse o luns, 5 de febreiro, ás aulas. A solicitude de matrícula deberá ser entregada no rexistro xeral do Concello de Ames ou no rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:00 horas. As nenas e nenos inscritos deberán estar empadroados no Concello de Ames. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 53 59 40 ou mandar un correo ao enderezo escolademusica@concellodeames.gal.