- Tematica
Ata o 27 de novembro está aberto o prazo de inscrición dos equipos, no Servizo de Normalización Lingüística de cada un dos 15 concellos organizadores do Club de Debate Alingua. Os concellos de Ames, Pontevedra, Carballo, Dodro, Narón, Rois, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Betanzos, Ferrol, Pontedeume, Ribeira, Santa Comba, Teo e Vilagarcía de Arousa veñen de lanzar unha nova edición desta proposta para dinamizar o uso da lingua galega na mocidade, en contextos formais e informais.
A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos centros de ensino dos concellos participantes. Os equipos estarán formados por grupos de entre 4 e 10 membros e contan cunha persoa docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.
Antes da competición, e como en edicións anteriores, todos os equipos de cada zona asistirán conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e recibir asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.
Alén do propio evento competitivo, o Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua galega a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, que inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.
Na súa xa longa traxectoria, o Club de Debate Alingua demostrou ser unha ferramenta de éxito non só para a promoción do uso da lingua galega, senón tamén en prol do espírito crítico, a tolerancia ante a diversidade de pensamentos e o traballo en equipo.






