[01-07-2016] Un dos programas de conciliación de verán do Concello de Ames remataba onte, o Xuño Lúdico, e hoxe comeza outro que se estende ao longo dos meses de xullo e agosto, a Escola de Verán. Un total de 364 nenas e nenos, repartidos entre O Milladoiro e Bertamiráns, participan nesta edición. Este servizo está dirixido a alumnado de segundo ciclo de infantil e educación primaria que estean empadroados no Concello de Ames. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, achegouse esta mañá ata o CEIP da Maía para saudar a algúns dos rapaces e rapazas que participan neste programa.
A primeira quincena de xullo é a máis solicitada polas familias que inscriben aos seus fillos ou fillas na Escola de Verán. Este programa de conciliación ofrece inscribir aos nenos e nenas por quincenas nos meses de xullo ou agosto, solicitar a súa participación un mes completo ou empregar o servizo durante ambos meses. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca “a boa resposta que tivo este ano o programa da Escola de Verán, xa que incrementáronse o número de inscricións respecto a edicións anteriores”.
O lema desta edición da Escola de Verán é Ames desde a mirada dos nenos e nenas. Cada unha das quincenas de xullo e agosto contará cunha serie de actividades distintas con esta mesma temática. Construímos o noso cole, As cidades son para xogar, A cidade dos nenos e as nenas e Expresamos as nosas necesidades: o noso pleno infantil, son os nomes das temáticas de cada quincena.
Nesta primeira quincena de xullo as nenas e os nenos que participan na Escola de Verán crearán o seu propio colexio. Desta forma aprenderán a resolver e falar dos conflitos que se atopan nas aulas e idear formas de resolvelos. Crearán un plano do colexio, falarán daquilo que botan en falta na súa escola, do que se pode mellorar, do que é necesario nun centro escolar e de como facelo. Os distintos grupos de Bertamiráns e do Milladoiro montarán ademais unha maqueta do colexio que deseñen.
Dentro desta primeira quincena de xullo o alumnado mergullarase no universo da arquitectura. Baixo outra actividade co nome, Somos arquitectos, as nenas e nenos aprenderán a imaxinar, deseñar, investigar..., pero tamén a construír, medir e resolver problemas. Explorarán as medidas de torres e rañaceos e intentarán construílos. Todas estas actividades intercalaranse con excursións ás piscinas municipais, xogos con auga, actividades na natureza, xogos cooperativos ou diverciencia.
Remata do Xuño Lúdico
Onte rematou o Xuño Lúdico, outro dos servizos de conciliación que organiza o Concello de Ames. Desenvolveuse no Milladoiro e en Bertamiráns os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, de 7:30 a 16:00 horas. Nel podían participar, coma na Escola de Verán, nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de infantil e educación primaria. Este ano apuntáronse en total 179 participantes.
As actividades deste programa lúdico desenvolvéronse baixo a temática: Esta viaxe vai de lendas. Deste xeito, rapazas e rapaces coñeceron, a través de distintos xogos, historias reais ou ficticias de persoeiros que ocuparon unha parte importante da historia de Galicia e tamén do concello de Ames. Por exemplo falouse dos adeo -nome que se lles daba aos contadores de xestas na Antiga Grecia que recitaban acompañados dun instrumento-. Ademais, Euloxio foi o encargado de achegar ao público infantil a vidas de Breogán, historias dos Condes de Altamira, as lendas que arrodean ás meigas ou as aventuras de Hércules.