[07-04-2011] "Memorias dun neno labrego" é un monólogo escénico-narrativo co que a compañía Abrapalabra rende homenaxe ao emblemático libro de Xosé Neira Vilas cando se cumpren 50 anos da súa publicación. A obra interpretada polo actor Cándido Pazó representarase mañá venres, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, aínda que previamente, ás 12:00 horas, haberá un pase especial para os alumnos do CEIP A Maía de Bertamiráns. Ademais, os máis pequenos poderán divertirse o domingo con "O día que chegou unha nube e choveu", de títeres Trompicallo, ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.
A novela de Xosé Neira Vilas "Memorias dun neno labrego" é un fito da literatura galega do século XX. Por iso, cando se cumpren 50 anos desde a súa saída do prelo, iniciativas como a obra homónima da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas renden homenaxe a este libro sen o cal non se entendería boa parte da creación narrativa en Galicia ao longo das últimas décadas. O actor Cándido Pazó representa este monólogo escénico-narrativo que chega mañá a Ames, coa súa representación ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Previamente, ás 12:00 horas, os alumnos do CEIP A Maía de Bertamiráns asistirán a un pase especial para que teñen a oportunidade de coñecer esta obra.
A montaxe presenta unha compoñente híbrida. O seu creador defínea xa que logo como "teatro contado ou conto teatralizado". Neste sentido, en "Memoria das memorias dun neno labrego" advírtese a plasticidade dunha proposta escénica total, ao tempo que vai ao espectador tan directa como unha sesión de narración oral. Posúe ademais un grande atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación a cargo de Nano Besada Caneda e Rubén Vidal Prol "Zé"que, combinado cunha elaborada iluminación a cargo de Afonso Castro, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Carlos Alonso é o responsable deste espazo escénico así como do deseño do vestiario. Cada momento e cada situación teñen tamén a súas sonoridades, plasmadas na composición musical escrita especialmente por Manuel Riveiro para a ocasión.
"Memorias das Memorias dun neno labrego" parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para evocar a través delas as sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores de varias xeracións que forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade. Neste contexto, nas "Memorias dun neno labrego" viuse reflectida a memoria dunha boa parte da sociedade galega, dos miles e miles de nenos labregos, ou fillos, netos, bisnetos ou tataranetos de nenos labregos que leron o libro ao longo destas décadas.
Para os nenos menores de catro anos tamén hai teatro en Ames. O domingo representarase ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra de teatro infantil "O día que chegou unha nube e choveu".
Grupo Municipal de Teatro do Milladoiro
Ademais de gozar coas obras que se representarán esta fin de semana en Ames, os afeccionados ao teatro teñen unha cita en Vedra. O Grupo Municipal de Teatro do Milladoiro achegarase o sábado ata o festival Teatrofilia para representar "Nunca nada de ninguén". Esta obra da portuguesa Luísa Costa Gomes é unha peza teatral que fala en boca de mulleres sobre mulleres, aínda que o fai para todo o mundo. A representación terá lugar ás 21:15 horas na Casa da Terceira Idade de Vedra. O grupo de teatro municipal naceu hai sete anos en forma de obradoiro de interpretación e desde aquela ten xa representado un bo feixe de obras.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Memorias dun neno labrego llega a O Milladoiro"