[28-09-2011] Memorias das memorias dun neno labrego é un monólogo escénico-narrativo co que a compañía Abrapalabra rende homenaxe ao emblemático libro de Xosé Neira Vilas cando se fan 50 anos da súa publicación. A obra interpretada polo actor Cándido Pazó representarase este venres, 30 de setembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta peza teatral xa se representou o pasado 8 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro. Coa representación desta obra de teatro comeza a programación cultural do último trimestre do ano. Durante o período estival suspendéronse este tipo de actividades. Agora co comezo do outono vólvense a retomar.
A novela de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego é un fito da literatura galega do século XX. Por iso, cando se cumpren 50 anos desde a súa saída do prelo, iniciativas como a obra da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas renden homenaxe a este libro sen o cal non se entendería boa parte da creación narrativa en Galicia ao longo das últimas décadas. O actor Cándido Pazó representa este monólogo escénico-narrativo que volve este venres a Ames, coa súa representación ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.
A montaxe presenta unha compoñente híbrida. O seu creador defínea, xa que logo, como "teatro contado ou conto teatralizado". Neste sentido, en "Memoria das memorias dun neno labrego" advírtese a plasticidade dunha proposta escénica total, ao tempo que vai ao espectador tan directa como unha sesión de narración oral. Posúe ademais un grande atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación a cargo de Nano Besada Caneda e Rubén Vidal Prol "Zé"que, combinado cunha elaborada iluminación a cargo de Afonso Castro, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Carlos Alonso é o responsable deste espazo escénico así como do deseño do vestiario. Cada momento e cada situación teñen tamén a súas sonoridades, plasmadas na composición musical escrita especialmente por Manuel Riveiro para a ocasión.
Memorias das Memorias dun neno labrego parte das historias de Balbino contidas no libro de Neira Vilas para evocar a través delas as sensacións que lle produciron a centos de miles de lectores de varias xeracións que forman parte dunha sociedade que nestes últimos 50 anos foi deixando de ser eminentemente rural para iniciar a travesía cara a un universo máis urbano, nunha viaxe chea de interseccións e mestizaxes que axudan a explicar a nosa moderna identidade. Neste contexto, nas "Memorias dun neno labrego" viuse reflectida a memoria dunha boa parte da sociedade galega, dos miles e miles de nenos labregos, ou fillos, netos, bisnetos ou tataranetos de nenos labregos que leron o libro ao longo destas décadas.




