Pestanas principais

Abórdase en comisión informativa a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da RPT

Martes, 13 de decembro de 2016

[13-12-2016] Este luns, 12 de decembro, celebráronse as comisións informativas previas ao pleno extraordinario que se vai a desenvolver mañá 14 de decembro. En ditas comisión abordouse a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da RPT. Este documento, despois de ser aprobado de xeito inicial en sesión plenaria o 30 de xuño, terá que ser sometido a consideración do pleno para ser ratificado de forma definitiva. Ademais, abordouse a presentación do Concello de Ames á segunda convocatoria para a selección de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado-DUSI.

Nas comisións celebradas onte, 12 de decembro, tratouse a aprobación definitiva da RPT do Concello de Ames e a resolución das alegacións presentadas. Cómpre lembrar que no pleno ordinario celebrado o pasado 30 de xuño aprobouse de xeito inicial á segunda modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames. Posteriormente, dito documento foi publicado no Boletín Oficial da Provincia e estivo en exposición pública durante un prazo de 20 días hábiles. Durante ese prazo presentáronse un total de 10 alegacións que foron informadas polo asesor-redactor técnico de dita modificación da RPT e por parte da secretaria municipal, propoñéndose en ambos informes a desestimación das alegacións presentadas cunha única excepción, que era a presentada polo propio asesor e redactor técnico da RPT, que consiste na corrección de dous erros detectados no documento inicial.

Deste xeito, mañá en pleno preséntase un novo documento, respecto ao aprobado inicialmente, que presenta varias modificacións que atinxen a dous erros detectados no documento inicial (o subgrupo correcto do posto de técnico de orientación laboral é A1 e o número de educadores/as infantís das escolas infantís municipais é de 25). Ademais, dito documento recolle a supresión do servizo único de conserxería e maila creación dun novo posto de conserxe adscrito ao departamento de educación. Estas dúas últimas modificacións realizáronse co obxectivo de obter o maior apoio posible da corporación municipal na aprobación de dito documento, xa que parte das alegacións presentadas aludían á conveniencia da non creación dun servizo único de conserxería.

Hai tamén que salientar que durante o período de presentación de alegacións presentouse por parte dunha traballadora municipal un escrito cualificado por ela como recurso de reposición e, ao amparo de dito recurso, solicitouse a suspensión do procedemento. Sobre estas cuestións no informe da secretaria municipal indícase que non se admite a trámite dito recurso, na medida en que o acto de aprobación inicial da segunda modificación puntual da RPT non pon fin á vía administrativa nin é un acto de trámite cualificado. Tamén se propón a non admisión da solicitude de suspensión, xa que esta só ten cabida no marco dun recurso administrativo, o que non é o caso ao estar nun trámite de alegacións.

O rexedor municipal explica que “nas comisións informativas o goberno presentou as principais liñas do documento no que se desestiman todas as alegacións a excepción dunha corrección de erros e unha modificación na bolsa de conserxes que solicitaran dous dos grupos da oposición nas súas alegacións. O goberno atendeu á solicitude de eliminar a bolsa de conserxes que se creaba para dar cobertura á vacante da conserxería do CEP de Ventín, ao ter que volver ao seu posto na brigada o traballador que desempeña estas funcións na actualidade. A resolución das alegacións aborda de xeito xurídico cada unha das presentadas e presenta todos os informes favorables, tanto de intervención, secretaría, asesoría xurídica e mesmo da asistencia técnica profesional”.

Miñones recalca que “o goberno tamén ten o apoio maioritario dos representantes do persoal municipal cun 71% dos votos a favor na Mesa Xeral de Negociación que tivo lugar no pasado mes de novembro”. O goberno transmitiu todos os informes á oposición á espera de coñecer o seu posicionamento nos diferentes asuntos a tratar. Na comisión ningún grupo tomou a palabra e aprobouse cos votos a favor do goberno e a abstención dos grupos da oposición.

Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, Impulsa Ames
Outro dos temas abordados en ditas comisións informativas foi a presentación do Concello de Ames á segunda convocatoria para a selección de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado-DUSI. Dende o goberno explicouse con detalle os puntos nos que se buscou mellorar a estratexia. O pasado 30 de novembro realizouse unha reunión coa consultora para darlle a coñecer aos grupos da oposición a nova documentación. Posteriormente, o venres 2 de decembro pasóuselles un borrador e o pasado venres 9 fíxoselle entrega do documento, practicamente definitivo, que se leva a pleno mañá.

O alcalde explica que se “mellorou considerablemente o apartado inicial de identificación de problemas e ampliouse a toma de datos para a súa identificación con programas e plans que neste período leváronse adiante polo goberno, como a auditoría enerxética, o mapa educativo ou os programas de accesibilidade, xunto a outros xa existentes como o plan de igualdade, a Axenda21, o plan de emprego, o plan de administración electrónica ou o PXOM. A inclusión desta información permitirá mellorar considerablemente no apartado inicial no que o concello obtivera unha mala nota debido á falta de tempo para o seu desenvolvemento na primeira convocatoria”.

Outro dos aspectos mellorados é a presentación de esquemas relacionando os obxectivos temáticos cos estratéxicos e as accións a incrementar, tal e como se indicou por parte do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas na visita realizada no pasado mes de outubro polo alcalde e mailos técnicos do Concello e da propia consultora. Tamén se lle deu un cambio ao formato de presentación moito máis visual e dinámico de cara a facilitar a lectura do documento.

O plan de implementación e o ámbito de actuación son dous dos principais bloques de valoración da estratexia nos que o Concello recibira dúas bos notas na primeira convocatoria e que o propio Ministerio destacou na visita realizada. É por isto que refórzase no obxectivo temático 9 cunha nova acción dirixida ao ámbito social o que permitirá incrementar o porcentaxe de dedicación a este obxectivo ata o 28.8%, mellorando así a proposta inicial tal e como se recomendaba.

Na comisión informativa tamén se explicaron as melloras no cronograma e na congruencia da estratexia global cunha redacción realizada por unha persoa distinta á redacción inicial, para acadar un punto de vista distinto e identificar mellor os erros do anterior documento. A xefa de proxectos da consultora EOSA foi a encargada de levar o peso do proxecto, sen que por parte da consultora se teña cobrado nada nesta segunda convocatoria.

Os fondos que se reparten nesta convocatoria son 35 millóns, optando Ames a 5 millóns de subvención, mais o 20% que tería que poñer o Concello. Segundo indica Miñones “a competencia será elevada, xa non só pola calidade das propostas dos concellos galegos que foi destacada polo Ministerio na anterior convocatoria, senón pola escasa contía a repartir entre 3 concellos de gran tamaño como son A Coruña, Ferrol e Ourense, que optan a 15 millóns cada un, e varios de mediano tamaño (Carballo, Arteixo e outros). Ames quedou a tan só 1.5 puntos na anterior convocatoria, xusto detrás de Ferrol e por diante de Carballo, Ourense e A Coruña”.

O documento de 188 folios incrementa unha proposta de actuacións por valor próximo aos 13 millóns con investimentos propios por valor de 7 millóns, a través de diversos programas postos en marcha ou que se disporán nos vindeiros anos. O rexedor municipal indica que “agardamos conseguir esta subvención a pesares da competencia existente. Creo que o traballo realizado dará os seus froitos. Agradezo ao técnico municipal o esforzo realizado para poder concorrer a esta segunda convocatoria”.