[08-06-2012] O Concello de Ames xa abonou o importe total da operación de endebedamento para o pago de facturas a provedores emitidas antes do 31 de decembro de 2011. A contía abonada ascende a 1.520.656,53 euros e correspóndese con 577 facturas. O pago levouse a cabo a través da operación de préstamo concertada con Banesto, a entidade bancaria designada polo Goberno central ao concello amiense.
Esta operación bancaria, avalada polo plan de axuste municipal, aprobouse o pasado día 15 de maio en pleno extraordinario da corporación, cos votos a favor do grupo do Partido Popular, mentres que a oposición votou en contra.
Deste xeito, a operación de endebedamento a longo prazo permítelle ao Concello de Ames afrontar os pagos pendentes cos provedores e, ao mesmo tempo, seguir prestando servizos. Con esta operación, o Concello comprométese a devolver o importe nun prazo de dez anos, con dous de carencia, o que implica que nos dous primeiros exercicios só se abonarán os intereses.
O Concello de Ames destaca que o abono das facturas suporá un alivio para os provedores e que, ante a complicada situación económica actual, a súa intención é seguir traballando para mellorar a situación de pagos a provedores.
Estas actuacións enmárcanse no obxectivo prioritario do Concello de Ames de procurar solucións áxiles e concretas ante a crítica situación económica que estamos a vivir. Este mecanismo de financiamento está contemplado no Real Decreto-Lei 4/2012 de 14 de febreiro, polo que se determinan obrigacións de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais.
O acceso a este financiamento levaba aparellada a obrigación por parte do Concello de aprobar un plan de axuste, que xa foi ratificado polo pleno o pasado 29 de marzo. A elaboración deste plan de axuste veu motivada pola crítica situación económica herdada polo actual Goberno municipal. Posteriormente, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas valorou favorablemente este documento, permitíndolle ao Concello concertar a operación de préstamo a longo prazo polo importe das obrigacións pendentes.




