Pestanas principais

Aberto xa ao público o nacemento que a Asociación Cultural San Xoanciño expón na capela de San Xoán de Pousada

Domingo, 16 de decembro de 2012

[16-12-2012] Xa se pode visitar o tradicional nacemento na capela de San Xoán de Pousada que, como cada Nadal, monta a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames. O nacemento, que estará exposto ata o 6 de xaneiro, foi inaugurado na tarde de onte nun acto que contou coa presenza do alcalde de Ames, Santiago Amor, de concelleiros/as da corporación municipal e numerosos veciños e veciñas. Este nacemento está composto por figuras de gran antigüidade xa que teñen máis de 100 anos.

O acto de presentación do nacemento, que contou coa colaboración do Concello de Ames, estivo acompañado da música dos grupos das Maianas e de Follas Novas, así como das corais de Piñeiro e Ames. Ata a capela desprazáronse o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín; a concelleira de Atención Veciñal, Carmen Verde, e o concelleiro do grupo popular Alfonso Rey. Tamén asistiron os concelleiros socialistas Francisco Doval e Isabel González.

O nacemento poderá visitarse os días 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de decembro e os días 5 e 6 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas. Aquelas persoas que non poidan asistir estes días e queiran ver o nacemento, teñen que chamar ao número de teléfono 649 101 514 para concertar un día e unha hora de visita determinado co fin de que a capela estea aberta.

A Asociación Cultural San Xoanciño de Ames leva varios anos mantendo esta tradición. As figuras teñen máis de cen anos de antigüidade, e tiveron que ser restauradas hai varios anos para evitar o seu deterioro, malia ter un bo nivel de conservación. Durante o ano permanecen gardadas na propia capela que data do ano 1607. O nacemento ten arredor de 100 figuras. Nunha homenaxe aos lugares da zona, hai unha ponte romana como a de Augapesada, muíños como os de Pousada e o curso do río que se asemella ao Val da Maía.

Dende a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames animan a toda a veciñanza amiense a que pasen pola Capela de San Xoán de Pousada para ver o Belén máis grande e antigo que se organiza no termo municipal de Ames. Ademais, Manuel Seijas, presidente desta asociación explica que “todos os anos se introducen melloras neste nacemento polo que as persoas que xa o visitaron anos atrás teñen que volver para ver os cambios realizados”. Ademais, no acto agradeceu a colaboración do Concello de Ames por organizar o acto deste sábado a través do cal se pretende dar a coñecer este nacemento a toda a veciñanza amiense.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O belén de San Xoanciño xa está aberto o público"