Pestanas principais

Aberto o prazo para solicitar un posto no novo mercado de horta e artesanía que se celebrará os sábados pola mañá a partir de setembro

Domingo, 10 de agosto de 2025

O prazo para solicitar un novo posto no novo mercado de horta e artesanía estará aberto ata o vindeiro 21 de agosto. Esta iniciativa comezará a funcionar a partir da terceira semana do mes de setembro e celebrarase todos os sábados pola mañá, en horario de  10.00 a 13.30 horas, na praza da Maía. O mercado conta con 13 postos de venda. Cómpre lembrar que o prazo de solicitudes estará aberto durante todo o ano por se, no caso de existencia dun posto libre, este poida ser cuberto por outro comerciante interesado. As solicitudes poden presentarse enviando o impreso de solicitude cuberto a través da Sede electrónica ou de forma presencial nas oficinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.  

O Concello de Ames estreará, a partir do vindeiro mes de setembro, o seu propio mercado de horta e artesanía, unha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade. 

Coa posta en marcha deste novo mercado, créase un espazo de compra-venda de alimentos frescos, labregos e transformados, e de produtos de oficios artesáns de produtores locais e das comarcas limítrofes. Ademais, un dos obxectivos da creación desta proposta, é sensibilizar á poboación da importancia que ten unha boa alimentación na nosa saúde, baseada no consumo de produtos de calidade e de orixe natural. Deste xeito, tamén se pretende que o mercado sexa un lugar de encontro e reunión entre a veciñanza de Ames, converténdoo así nun centro de vida social e económica. 

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “queremos comezar en setembro con este novo mercado de produtos de proximidade e de artesanía co que pretendemos dinamizar e potenciar a economía do sector primario de Ames. Desde o pasado 31 de xullo que abrimos o prazo, xa recibimos varias solicitudes. Con todo, aínda quedan algúns postos libres por cubrir, polo que animo a todos os produtores e artesáns locais a participar neste novo mercado".

Características do mercado 
O mercado de produtos labregos e artesanía constará de 13 postos de venda, situados nunha carpa na Praza da Maía. As dimensións dos postos será de 3x3m con mesa e cadeira. 

Por outra banda, o mercado abrirá todos os sábados pola mañá en horario de 10.00 a 13.30 horas. Pódese consultar o regulamento sobre o funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames na seguinte ligazón

Así mesmo, poderán venderse artigos de artesanía, e produtos de horta de proximidade nos que a súa venda en réxime ambulante estea autorizada pola normativa estatal ou autonómica aplicable, cando se cumpran as condicións sanitarias e hixiénicas que establece a lexislación sectorial sobre a materia para cada tipo de produto. En concreto, non poderán vender produtos destinados ao consumo humano as persoas quen carezan do certificado de manipulación de alimentos.

Durante o desenvolvemento do mercado, respectarase o libre acceso ás vivendas e comerciais locais situados na praza da Maía, así como ao mobiliario urbano da zona. 

Solicitude de participación 
Poderán exercer a actividade comercial todos os comerciantes e produtores agrícolas que posúan a correspondente autorización municipal, podendo participar persoas físicas que non se dediquen profesionalmente á actividade de comercio polo miúdo. O prazo para presentar as solicitudes dun espazo de venda no mercado está aberto ata o vindeiro 21 de agosto. Unha vez completado este prazo, iniciarase o proceso de autorizacións. 

Cómpre destacar que o prazo de solicitudes estará aberto durante todo o ano por se, no caso de existencia dun posto libre, este poida ser cuberto por outro comerciante interesado. 

A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. No caso de que a autorización sexa destinada á venda de produtos alimentarios, deberá achegarse unha fotocopia do certificado de manipulador de alimentos.

Mercado de rúa os sábados pola tarde
A pesar da creación deste novo mercado, dedicado exclusivamente á artesanía e produtos agroalimentarios, Bertamiráns seguirá mantendo o seu mercado de rúa os sábados pola tarde nas mesmas rúas que se vén facendo habitualmente: Entrerríos, Ameneiral e no perímetro habilitado na Praza do Concello. Así mesmo, o horario continuará sen cambios, sendo en verán de 16.40 a 20.30 horas e no inverno de 16.40 a 19.30 horas. 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tiene tres vacantes en el mercado de huerta y artesanía que arrancará en septiembre"

Diario de Santiago: "Aberto o prazo para solicitar un posto no novo mercado de horta e artesanía, en Ames"

Aberto o prazo para solicitar un posto no novo mercado de horta e artesanía que se celebrará os sábados pola mañá a partir de setembro

Multimedia

  • Aberto o prazo para solicitar un posto no novo mercado de horta e artesanía que se celebrará os sábados pola mañá a partir de setembro