Pestanas principais

Aberto o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán en terreos privados

Martes, 09 de xuño de 2020

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán. Este ano, debido á propagación da pandemia da Covid-19, non están permitidas as cacharelas ou sardiñadas en terreos públicos, e soamente será posible realizar cacharelas en terreos privados. O prazo para solicitar permiso está aberto ata ás 14:00 horas do luns 22 de xuño.

As persoas que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada nesta data nun terreo privado deben presentar a solicitude correspondente por algunha das seguintes vías, antes do 22 de xuño ás 14.00 horas: a través da sede electrónica do Concello de Ames, ou enviando un correo electrónico co modelo de solicitude ao enderezo rexistro@concellodeames.gal. Debido á situación xerada pola Covid-19 non se admitirá a presentación de solicitudes no rexistro de maneira presencial.

En canto ao número de persoas que se poidan reunir en grupo para a celebración desta festividade, este axustarase ao disposto na normativa vixente o día 23 de xuño de 2020 reguladora da situación de emerxencia sanitaria, así como as demais recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias competentes.

Ao pé desta nova encontrarás o modelo de solicitude, así como o bando da alcaldía coas normas para cacharelas e sardiñadas.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames abre o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán en terreos privados"

Revista Ames Go: "Os permisos para cacharelas privadas poden solicitarse ata o 22 de xuño"

Cacharela San Xoán