- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, creou a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que parte co obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local. Baixo o slogan “Tes que estar!” a Administración local busca achegar o comercio local á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a rede. O aplicativo será público e accesible a través da web do Concello. Na actualidade, está aberto o prazo para altas de novos establecementos e corrección de posibles erros.
O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica e Emprego, presentou hai unhas semanas a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que busca conectar á veciñanza co comercio de proximidade e co tecido empresarial. “Tes que estar!” é a consigna utilizada para atraer tanto a empresarios como usuarios e usuarias a esta aplicación web que funcionará como unha base de datos de todas as empresas que conforman o tecido comercial e hostaleiro de Ames.
A plataforma está na fase de probas, polo que durante as próximas semanas, todas as empresas da municipio (do Milladoiro, Bertamiráns e do rural) que queiran participar deberán poñerse en contacto mediante o enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com ou no número de teléfono 626 98 71 72, en horario de 9.00 a 15.00 horas.
Actualmente, a base dispón de arredor de 1.150 empresas rexistradas. Todas aquelas que non o estean, ou que si formen parte pero queiran actualizar algún dato de relevancia, poderán comunicalo ao equipo de desenvolvemento do aplicativo durante as vindeiras semanas.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “as empresas e establecementos comerciais deben revisar os seus datos na Guía de Empresas. No caso de que vexan algún erro, deben poñerse en contacto con nós para corrixilo. Ademais, aquelas empresas, comercios ou establecementos hostaleiros que non estean dados de alta na aplicación, tamén teñen que avisarnos, para dalos de alta, no caso de queiran aparecer na aplicación”.
Ademais, Ana Belén Paz engade “é moi importante que todos os establecementos estean correctamente localizados, porque na actualidade dispoñemos de 1.150 establecementos, pero seguro que hai máis que non están incluídas na aplicación. Con esta ferramenta queremos poñer en valor a todas as empresas de Ames”.
Como funciona a Guía de Empresas de Ames?
Este proxecto nace co obxectivo de conectar á veciñanza co comercio e hostalería local amesán e axudar a localizar os diferentes establecementos de todo o municipio. A través dun traballo de campo, a Administración local recompilou información dun gran número de empresas amesás, co fin de xeolocalizalas e ofrecer á veciñanza un servizo de accesibilidade ao comercio local.
Deste xeito, e mediante unha aplicación web de localización espacial baseada nas ferramentas ofrecidas por Google Maps, empresas e usuarios poderán beneficiarse do seu funcionamento. En primeiro lugar, e baixo o lema “Tes que estar!”, interpélase ás empresas do municipio que aínda non formen parte da base para que acheguen información relevante sobre o seu negocio durante este mes de proba.
Poderán facelo a través do enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com, o número de teléfono 626 98 71 72, ou ben mediante as chamadas que dende o equipo de desenvolvemento da aplicación se irán realizando durante as vindeiras semanas, co obxectivo de obter a máxima información posible sobre os comercios que conforman o tecido empresarial local.
Por outra banda, o Concello busca mobilizar aos usuarios e usuarias destes negocios. Deste xeito, búscase involucrar aos dous extremos como medida dinamizadora do comercio local amesán, establecendo unha ferramenta bidireccional.
O funcionamento da plataforma é sinxelo: o aplicativo actúa como unha sorte de mapa interactivo no que os usuarios e usuarias poden visualizar un plano de Ames cos diferentes negocios que conforman o tecido empresarial, o comercio e a hostalería local. Grazas á cartografía e funcionalidades de Google Maps, a app ten ata dez categorías separadas por cores. Deste xeito, a veciñanza poderá, de xeito accesible, localizar as diferentes empresas ou comercios que busquen nun momento preciso.
Ditas categorías corresponden aos diferentes eidos empresariais, estando divididas por: Automoción, Comercio, Hostalaría, Sanidade, Servizos, Tecnoloxía, Construción, Educación, Lecer e Profesionais. As empresas están catalogadas segundo o criterio do equipo de desenvolvemento da Guía, porén, se algunha o desexa, poderá ser recolocada na que máis se axuste á súa categoría profesional.
Protección de datos
A Guía de Empresas de Ames é intuitiva e fácil de usar para calquera usuario ou usuaria. Ademais, todos os datos das empresas e negocios utilizados para o desenvolvemento inicial do aplicativo son públicos e foron extraídos de Google. Calquera información de carácter privado utilizarase de maneira única e exclusiva co consentimento de dita empresa.





