Pestanas principais

Aberto o prazo para participar na quinta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames

Martes, 21 de outubro de 2025

A Xuntanza de Empresarios de Ames e o Concello de Ames, organizan a quinta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, quen ten como obxectivo fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes remata o 2 de novembro de 2025. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com. Podes consultar as bases completas do Enfoca Ames 2025 na seguinte ligazón

Por quinto ano consecutivo, XEA e o Concello de Ames, a través dos departamentos de Medio Ambiente e Turismo, organizan unha nova edición do Enfoca Ames. Neste certame poden participar todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando unha única fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.

Nesta edición, as fotografías que participen, serán expostas no local da Xuntanza de Empresarios de Ames, localizado na rúa do Pedregal número 4, e serán publicadas nas redes sociais de XEA e o Concello de Ames. Ademais desta iniciativa, que pretende dar visibilidade ás pezas participantes, algunhas das instantáneas premiadas en edicións anteriores están expostas nunha lona dun edificio do centro de Bertamiráns.

Patrimonio natural, artístico e/ou cultural de Ames
As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría. 

Existen tres categorías diferentes: paisaxe, patrimonio e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debe mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría patrimonio a fotografía debe recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello. Por último, na categoría artística permítese a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal. Esta categoría está relacionada cun aspecto máis subxectivo e surrealista.

Presentación das obras
As obras deberán ser enviadas xunto co impreso de inscrición ao correo electrónico enfocames@gmail.com. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames e no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfocames, así como noutras redes sociais que se consideren de interese para promoción e difusión do concurso. O prazo de entrega das imaxes remata o 2 de novembro de 2025.  

Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 200 euros, o segundo de 100 euros e o terceiro de 75 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. Ademais, as persoas premiadas recibirán un galardón creado en especial por unha empresa amesá. O resultado do concurso será publicado o día 10 de novembro nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica.

Aberto o prazo para participar na quinta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames