Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse nun novo obradoiro do programa [con]sentido, “Xoguetería erótica DIY”

Luns, 25 de outubro de 2021

“Xoguetería erótica DIY” é o novo obradoiro que ofrece a Concellaría de Mocidade de Ames dentro do programa de sexualidade positiva e saudable [con]sentido, sendo esta a penúltima actividade das oito do itinerario, que fora presentado o pasado mes de xullo. Terá lugar o sábado 30 de outubro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, de 10:00 a 13:00 horas. O taller está dirixido a persoas mozas a partir dos 14 anos, e conta cun aforo máximo de 15 participantes. A inscrición xa está aberta, cumprimentando esta ficha de inscrición e enviándoa ao enderezo electrónico con.sentido@agasex.org.

O obradoiro, organizado pola Concellaría de Mocidade de Ames como parte do programa [con]sentido, será impartido polas sexólogas de AGASEX, como vén sendo habitual nos talleres deste itinerario. O obradoiro combinará unha sección expositiva por parte das profesionais cunha banda de carácter práctico, na que as persoas participantes poderán facer as súas achegas e traballar de cara á elaborar un xoguete erótico, seguindo as instrucións das facilitadoras do taller e o concepto DIY (en inglés, “do it yourself”, faino ti mesmo). A xoguetería elaborada terá en conta a diversidade de corpos e capacidades das persoas participantes, os seus intereses e as súas necesidades. Ao final da actividade, cada participante levará para si o xoguete realizado.

O taller comezará cunha introdución na que se ofrecerá información relativa á anatomía e a fisioloxía sexual, os corpos, as zonas eróxenas, a resposta sexual humana, o pracer e o autoerotismo. A continuación analizaranse e presentaranse diferentes alternativas e materiais de uso cotián que se poden empregar como obxectos evocadores de sensacións eróticas, para máis tarde propoñer a realización da xoguetería erótica.

Con este obradoiro de elaboración manual de xoguetería erótica preténdese facilitar o autocoñecemento da anatomía, a fisioloxía e a resposta sexual humana, ademais de dar resposta a diversos aspectos fisiolóxicos e psicolóxicos da corporalidade. Búscase dar unha visión máis global da sexualidade, afastándoa de tendencias xenitalistas e coitocentristas e facilitando o enriquecemento e a creatividade erótica.

Programa [con]sentido

O programa [con]sentido, unha iniciativa da Concellaría de Mocidade de Ames, é un itinerario de sexualidade positiva e saudable, realizado co obxectivo de fomentar a igualdade entre os sexos, cultivar o respecto, a aceptación e a tolerancia cara todas as sexualidades, favorecer o autocoñecemento e o coñecemento das demais persoas, así como promover unha vivencia libre, segura e satisfactoria da sexualidade. O programa inclúe oito actividades, repartidas entre os meses de xullo e de novembro, que inclúen obradoiros, foros e outras iniciativas. Estes obradoiros enmárcanse dentro das liñas de actividades dos Orzamentos participativos 2020, que dotan cunha partida de gasto de 40.000 euros as actividades das áreas de muller, cultura, mocidade e medio ambiente votadas pola cidadanía amesá.

Aberto o prazo para inscribirse nun novo obradoiro do programa [con]sentido, “Xoguetería erótica DIY”

Multimedia

  • Aberto o prazo para inscribirse nun novo obradoiro do programa [con]sentido, “Xoguetería erótica DIY”
  • Aberto o prazo para inscribirse nun novo obradoiro do programa [con]sentido, “Xoguetería erótica DIY”